The Story of Thor: A Successor of the Light

O nome de Thor evoca necesariamente a mitoloxía nórdica, nun mundo invernal cheo de maxia. Nesta Historia de Thor hai algúns obxectos máxicos que ben poderían ser propiedade dalgún descendente de Odín, mais aí rematan as semellanzas. A ambientación non podería ser máis diferente, xa que a acción sitúase nunha paraxe máis propia de As mil e unha noites ca dunha das Eldas, cos seus desertos, oasis e xenios. Nin sequera teño moi claro de onde sae o nome de Thor, xa que o protagonista chámase Ali, non hai ningunha mención ao deus do trono e na súa versión norteamericana o xogo leva por título Beyond Oasis.

Pero chámese can ou cadela o resultado é o mesmo: un xogo de aventuras ao estilos dos Zeldas. A novidade principal consiste nunha luva dourada que ten o poder de invocar a diferentes xenios unha vez que teñamos pactado con eles. Cada un pode ser traído ao mundo de Ali disparando o poder da luva cara o elemento representativo de cada un: auga, lume, sombra ou planta (carnívora). A meirande parte dos puzzles dos alxubes consisten en aplicar as maxias dos jinns para desbloquear novas zonas; un par de exemplos son aplicar lume para acender unha fogueira ou auga para matar unhas lapas. Case todos caen máis no terreo dos nuzzles, xa que hai que aplicar exactamente os mesmos casos ao longo de todo o xogo. Coido que só destacaron dous no tramo final: un no que temos que sacar a sombra dun elemento decorativo e outro no que hai que invocar ao espírito da auga dun inimigo que se atopa nunha altura máis baixa cá do protagonista. Neste caso tiven que tirar de guía xa que nunca empregara ese inimigo para tal fin e pensaba que non era posíbel disparar dunha altura a outra.

Hai que recoñecer que os gráficos son ben bonitiños, pero non é unha cara que veña sen a súa cruz. Ás veces resulta complicado estimar as distancias nas complicadas e innecesarias etapas de plataformas, e adiviñar se un determinado golpe vai acertar ou non contra certos inimigos. Estes adversarios aparecen en moitas formas e cores, pero salientan os xefes finais, especialmente aqueles que tenden a ocupar case toda a área de movemento. O xogo é un pouco cruel xa que nos manda repetir dende o comezo cada alxube se perdemos a vida dentro del. Isto implica que as loitas son ben tensas e que aproveitaremos todos os consumíbeis, tanto armas coma restauradores de vida e maná, para maximizar as posibilidades de supervivencia. Non obstante, a derradeira loita foi decepcionalmente doada, mais se cadra é porque gardei a poderosa espada Omega para dar conta desta última batalla.

Polo camiño atopei un par de zonas secretas con diferentes recompensas: unha consistente nunha carreira que non entendín e na que tiven que agardar a que rematase o tempo (logo intentaría repetila e non puiden, se cadra por levar un espírito invocado ao meu carón), e outra con cen loitas consecutivas nas que puxen o freo tras dez coa intención incumprida de volver máis tarde mellor equipado. Tamén nos alxubes hai algunhas localizacións opcionais que requiren un pouco más de exploración e de cabeza para chegar até elas. Estas son dúas boas razóns para repetir a aventura, algo que tamén incitan ao rematar a partida amosando catro clasificacións en forma de mellor puntuacións en catro baremos diferentes.

Eu non xogara con anterioridade nin a este nin a súa secuela da Sega Saturn, a pesar de que teño unha boa colección de xogos desta última e que pode que o recorde de cruzarmo polo Blockbuster. A miúdo dubido entre recuperar esa consola e tentar poñela a funcionar de novo ou atopar algún interesado que me dea catro cans por todo. Se alguén está interesado, que se poña en contacto comigo.

  • Tempo de xogo rexistrado: 5 horas.
  • Rango: 41.
  • Puntos de vida/maxia máximos: 280/235.
  • Mortes (rexistradas): 4.
  • Asasinatos: 818.
  • Xoias: 27/60.