<<

They Bleed Pixels

Inda non entendín ben o título de They Bleed Pixels. É certo que hai moreas de sangue virtual cada vez que os golpeamos a “eles” ou, máis comunmente, cando precipitamos a protagonista cara unha morte segura sobre unhas serras. Mais a narrativa vai dunha rapariga que descobre un libro que a transforma todas as noites durante os seus soños, con certas alteracións físicas que persisten na mañá seguinte. Todo ten un certo aire lovecraftiano, recordando tamén un pouco ao seu compatriota Poe.

Cada soño divídese en tres partes separadas que temos que superar, cun total de tres soños mais outras dúas partes en forma de limiar e final. En cada unha temos que chegar ao remate do nivel nun estilo que recorda a unha certa mestura entre o Super Meat Boy e as pelexas dun Devil May Cry en dúas dimensións. Inda que semellan non ser moitas pantallas, son suficientemente longas e, debido a dificultade crecente das mesmas, levoume seis horas superalas todas. Pero non é preciso percorrer cada unha dunha soa vez. Ao conseguir certos puntos destruíndo aos inimigos, podemos gastalos para gardar a partida ficando parados sen ter riscos preto. Desta maneira tamén engádese este compoñente táctico de procurar o mellor momento e lugar para poñer un novo punto de control, tras o que poderemos retomar o xogo logo das abundantes mortes que sufriremos. Ademais, tamén aporta unha boa razón para facer longas e variadas combinacións de golpes, posto que son a principal fonte para encher a barriña que outorga dita habilidade.

As mortes, como xa dixen, son moi habituais polo complicado de moitas seccións e o preciso das manobras necesarias. Pero eu tiven algunhas adicionais porque non me afixen a unha particularidade dos controis: cando a protagonista está pendendo dunha parede e queremos brincar o máis lonxe posíbel, temos que premer primeiro o botón de salto e logo a panca de dirección cara o noso destino. Se o facemos ao revés, por moi rápido que sexa, a heroína caerá un pouquiño e consumirá inmediatamente o segundo brinco no lugar do primeiro. Eu penso que é pouco útil a habilidade de deixarse caer sen saltar, polo que quizais sería mellor deixala máis oculta e que só entre en acción cando premamos a panca para abaixo. Ou ter un pouco de “tempo coiote” para facer o primeiro salto.

Polo demais non teño moito máis negativo que criticar. Hai unha morea de acadamentos para desbloquear, un sistema interesante de puntuación, outro de carreiras contra o reloxo e algúns niveis adicionais que inda non probei, polo que a rexogabilidade está garantida. A ambientación e o estilo da arte, tanto dentro coma fóra da parte xogábel, son moi adecuadas para o tema e funcionan ben. A narrativa resultante tamén resultoume interesante, e as mencións e paralelismo coas grandes obras góticas que o influíron foron axeitadas. No seu día non escoitara moito deste They Bleed Pixels que atopei perdido na miña ludoteca de Steam, pero podo recomendalo a todo aquel que non se asuste coa súa dificultade.