<<

Titan Quest Anniversary Edition. Acto 1

Recordo ter lido, nunha revista especializada en xogos de ordenador, unha reportaxe bastante extensa do Diablo 2 por mor do seu lanzamento. Unha das capturas tiña un pé de foto dicindo algo así como “se pegas moito a orella á páxina, poderás escoitar a arrepiante banda sonora e os aterrecedores berros dos inimigos”. Eu sempre fun mexeriqueiro co tema do terror, e o título tampouco axudaba moito, mais dalgunha maneira rematei co xogo na miña cesta da compra. Esa mesma noite enchoupeime do manual antes de durmir, deixando a longa instalación para o día seguinte. Gocei entón xogando con todas as clases e pronto fiquei engaiolado con todos os sistemas. Tamén foi, grazas aos modos en liña, o que me aprendeu unha multitude de insultos en inglés.

Non sería até anos máis tarde cando coñecería o termo da caixa de Skinner, que dende entón recórdame sempre ao xogo de Blizzard. Inda así, sente certa debilidade por este tipo de xogos, polo menos mentres non metan cartos no medio. O Titan Quest herda a xogabilidade e compoñentes xa estándares no xénero rol-acción, polo que a curva de aprendizaxe no meu caso limitouse a certas partes un pouco máis novidosas. Desta maneira, a experiencia tamén ten ese encanto de volver a un lugar coñecido tras moito tempo: hai cousas novas e diferentes, pero o máis importante é o que cambiou cada un entre tanto. E, por máis que pasen os anos, semella que eu sigo a ser o mesmo. E Leónidas tamén.

Fai un lustro que xogara un pouco cun personaxe que empregaba maxia para aniquilar todo o que se movese na pantalla tan só con premer un botón. Era moi efectivo pero tamén bastante aburrido; deixeino tras oito horas de xogo. Desta vez escollín unha cazadora que emprega unha lanza para atacar corpo a corpo, trocando a un arco en momentos puntuais. Quizais estou escollendo moitas habilidades pasivas, pero nin está a ser moi eficiente nin moi divertida de manexar. A miña intuición levoume a investir puntos nunha habilidade que facía dano porcentual baseado na vida do inimigo, pero non funciona nos xefes, polo que non resultou tan útil coma eu pensaba e retirei todos os puntos menos un.

Algo non debo estar facendo de todo ben porque vou sobrado de dano até que atopo un xefe. Nese momento o plan troca a intercambiar broucazos mentres tomo grolo tras grolo de pocións curativas. Estes obxectos amontóanse moi ben no inventario polo que non hai case límite ás que podemos empregar nunha loita. O peor é cando o xefe ten algunha habilidade de autorrecuperación e o dano que eu fago en dous minutos é contrarrestado nun intre. Hai unha liña moi delgada entre queixarse do sistema anticuado como son as pocións ilimitadas e abusar dito sistema para ganancia persoal.

Tomeime o xogo en serio até que tiven a primeira morte por rematar sen pocións nunha loita contra uns inimigos comúns, uns lobishomes, lixeiramente máis fortes que os seus veciños de alxube. Nese momento decidín tomalo coma un pasatempo, quitarlle o son e poñer podcasts sobre deseño de xogos de mesa coma Ludology ou On Board Games. Préstase ben a este estilo de xogo e, curiosamente, non volvín a ter unha morte. Ademais, non é moi diferente do que facía co Diablo 2 para escoitar power metal. Agora que o penso, non sei se iso era máis “arrepiante” ca banda sonora orixinal. (É broma! Viva Blind Guardian!).

  • Horas transcorridas: 7’5.
  • Maior dano causado: 275.
  • Monstros derrotados: 2893.
  • Mortes: 1.
  • Nivel: 16.

Titan Quest Anniversary Edition. Acto 2

Quizais non fun amábel de todo con este xogo no anterior artigo. A verdade é que estouno a pasar ben aniquilando monstros mitolóxicos coas radios de contidos lúdicos de fondo. Desta vez vou mencionar a GMS Magazine, do que atopei os seus vellos capítulos en castelán tras varios anos de escoitar a Paco en inglés. Son todos moi recomendábeis, especialmente cando falan de temáticas delicadas coma a representación de minorías étnicas ou diversidade sexual, inda que confesarei que algúns os teño saltado por atopar problemiñas de son nalgún dos colaboradores ou entrevistados.

Xa no mundo do Titan Quest, após percorrer os mitos gregos no primeiro acto do xogo, chegamos aos desertos do Exipto. As semellanzas desta parte coa equivalente do Diablo 2 son moi abundantes: dende toda a area até as tumbas do final do acto, pasando por boa parte dos inimigos comúns contra os que loitamos. Á historia deixeille de prestar atención aos quince minutos de comezar, polo que aí non podo comparar nada. Do que si podo falar con máis sabedoría é sobre os obxectos que soltan os monstros. Notei certa melloría na calidade dos mesmos e xa desentrañei que os únicos levan a cor azul, pois xa levo un par deles enriba, con outros gardados no almacén xeral para outro tipo de personaxe. Un almacén, que ademais de ser xeneroso en espazo, tamén ten unha área para compartir directamente con outros dos meus futuros personaxes. Inda teño un bo camiño por diante con esta Xiana, pero xa é tentador imaxinar que lle quedarían certos obxectos a outras clases.

Un detalle destacábel dos inimigos é que o seu tamaño é proporcional ao seu nivel, polo que podemos identificar dunha ollada aos máis perigosos dun grupo. Tamén podemos detectar visualmente os obxectos que cargan porque forman parte do seu modelo tridimensional, e estes serán os mesmos que atopemos no chan unha ver que o exterminemos. Moitas veces nin veremos o nome dese lixo no chan porque o xogo inclúe un filtro para non amosar os obxectos non máxicos, que deixan de ser interesantes tras os primeiros compases do xogo. Ocórreseme unha idea, quizais para un deses roguelikes dunha semana, que trate sobre todo ese lixo mesturado con cadáveres que fica tralo paso dos sanguinolentos heroes.

Inda non escollín unha segunda mestría para a miña cazadora especializada en lanzas, un tipo de armas moi habitual neste xogo e que ten nomes mil, polo que a miúdo recollo obxectos como frameas, kontos ou labrises para saber se son lanzas ou non. Respecto aos puntos de característica, sigo repartíndoos entre destreza e forza, mentres que os puntos de habilidade continúan mellorando as habilidades que xa estaba empregando, sen aprender nada novo polo de agora. As posíbeis opcións para a outra mestría son variadas, pero tendo en conta que non puxe punto ningún en enerxía, coido que iso xa descarta as opcións máis máxicas. Seguramente tirarei por máis melloras aos ataques corpo a corpo, á defensa e/ou algún espirro ás miñas ordes para que os inimigos poidan entreterse con algo mentres Xiana da boa conta deles.

  • Horas transcorridas: 10’5.
  • Maior dano causado: 275 (non superei o do acto anterior!).
  • Monstros derrotados: 4973.
  • Mortes: 1.
  • Nivel: 22.

Titan Quest Anniversary Edition. Acto 3

Non tardei moito neste terceiro acto en caer finado ante unhas arañas; foi nada máis chegar aos xardíns de Babilonia. Pouco máis adiante decidín escoller “guerra” coma segunda mestría para Xiana, que mesturada con cazaría dan lugar ao rol de executora. A razón principal foi que mellorará o meu dano e tamén ten unha habilidade en área que quizais sexa útil, xa que é un dos ocos no meu arsenal ofensivo. Pero, polo de pronto, non cambiou nada o meu estilo de xogo, xa que só obtiven unha habilidade activa e é a que substitúe ao meu ataque básico. Todo isto mentres escoitaba falar entre eles á tripulación de Burán, que non ten que moito que ver con xogos mais recoméndoo tamén dende aquí.

Dende Babilonia fun correndo por riba da Gran Murella Chinesa até o interior desa rexión. Os inimigos empregan os mesmos modelos en moitos casos que os seus veciños do acto anterior, pero os escenarios son bastante máis interesantes e diversos que no mar de area: bosques variados, montañas, terras chás, arrozais, etc. Todo remata converxendo no Olimpo, pechando o viaxe que comezou que comezou na Grecia clásica, onde temos a pelexa final do acto contra un titán! Typhon, pos tal é o seu nome, atópase nun lugar moi aberto onde haberá a loita entre el e Xiana até que algún dos dous morra! Realmente até que el morra, porque Xiana caeu varias veces en combate deixando unha bonita campa tras ela. Por sorte, non semella que o titán recupere moita vida mentres fago de novo o camiño de volta ao seu lar. Desgraciadamente, os templos que hai alí e que nos axudan na contenda, non se volven a activar, polo que perdemos unha boa oportunidade.

Cando din boa conta do titán conseguín acceso ao cuarto acto. O primeiro que fixen foi mercar unha nova lanza, subindo lixeiramente o meu dano-por-segundo. Non semellaba suficiente mellora, polo que lle adiquei algunhas sesións de xogo a procurar máis obxectos interesantes no corpo de Typhon. A medida que melloraba o equipamento, o nivel e a estratexia, tardaba cada vez menos en facer unha carreira até o titán co obxectivo de obter máis equipamento e experiencia. Recordades o que dicía da caixa de Skinner a semana pasada? Pois iso mesmo. Sen vergoña. E gozando cada iteración, claro.

Este plan de mellora foi debida a que lin que hai unha subida de dificultade no cuarto acto e que rematei o terceiro con moito menos nivel ca media: 29 contra 33. Agardo que a última parte desta primeira volta polos catro actos (hai un total de tres voltas, coma no Diablo) non mude a xogabilidade para ter que atraer a todos os inimigos un a un, intercambiar golpes e lapar poción curativa tras poción curativa para manternos con vida. Polo menos hai unha cuestión do sistema das pocións que está ben pensado, inda que eu non sexa moi fan delas en xeral: tras cada chingo obtemos unha subida instantánea da nosa vida, e logo un incremento da rexeneración durante o tempo no que non podemos tragar outra. Desta maneira hai que vixiar tanto a vida coma aos inimigos e o temporizador de uso para maximizar as nosas opcións de supervivencia.

Estatísticas ao rematar o acto:

  • Horas transcorridas: 15’5.
  • Maior dano causado: 631.
  • Monstros derrotados: 7991.
  • Mortes: 6.
  • Nivel: 28.

Estatísticas despois da colleita:

  • Horas transcorridas: 17.
  • Maior dano causado: 1189.
  • Monstros derrotados: 8671.
  • Mortes: 8.
  • Nivel: 30.

Titan Quest Anniversary Edition. Acto 4

Ao pouco de comezar o acto obtiven unha fórmula para montar un artefacto maior. Só precisaba algúns compoñentes que podía obter cazando demos e felinos dentes-de-sabre; inda que tería que ofertar o artefacto menor que levaba enriba. Fíxeno mentres escoitaba Vis Ludica, e foi unha mala idea (o de ofertar o artefacto menor, non o de escoitar Vis Ludica, que sempre é divertido). Non me decatara que o obxecto resultante non era nada útil para Xiana, a miña executora particular. Esa foi unha das moitas malas decisións que tomei respecto ao equipamento neste acto, pero o de “artefacto maior” e os obxectos únicos con nome propio semellaban ser máis interesantes có “artefacto menor” e ca outros obxectos raros, inda que estes eran máis efectivos en moitos casos.

Por sorte, toda a preparación que fixen ao final do acto anterior pagou a pena e compensou dalgunha maneira os meus ditames sobre o arsenal. Puiden avanzar a boa velocidade por esta nova parte e os inimigos bicaban o chan a bo ritmo. Algo que agradecín foi que estes inimigos son case todos membros claros das forzas do mal. No resto dos actos masacrei moitos animais, trogloditas e outros seres que seguramente non tiñan nada que ver cos obxectivos loábeis do xogo. Tampouco é que atendese moito a historia do xogo, pero polo menos recordo que no Diablo 2 si que todos os inimigos ou ben eran malos ou foron corrompidos sen máis remedio ca morte. Agardo que, inda que só sexa pola miña conciencia, houbese algunha boa razón para que as tartarugas xigantes fosen tan agresivas e tivese que calmalas a base de hostias.

Desta vez volvemos á Grecia clásica, pero desta vez á zona máis focalizada nos infernos con Caronte, Perséfone e Hades, que fai as veces de xefe final deste cuarto acto, que foi publicado coma expansión ao xogo base. Esta última pelexa foi bastante interesante, con tres fases ben diferenciadas, inda que as dúas primeiras non presentaron moito desafío. Na últilma, Hades alternaba entre varios ataques a distancia, o que me obrigaba a estar sempre en movemento. Un deles é unha onda xélida que me eliminaba boa parte da barra de vida. Recibín dúas desas consecutivamente e, onde antes estaba Xiana, agora había unha lápida co seu nome.

O segundo tento foi co arco, cun ciclope invocado a través dun pergamiño dun só uso e moita paciencia. O único elemento realmente efectivo deses tres foi a paciencia: o ciclope invocado non sobreviviu ao encontro inicial co inimigo e Xiana non era tan efectiva co arco como coas súas queridas lanzas. Levoume un bo rato pero conseguín deixar a Hades a menos do 5% de vida cando fuxín por un portal para recuperar folgos e pocións. Ao volver, o deus do inframundo recuperara toda a vida polo que tiven que volver a empezar co baile; pareceume xusto e boa idea, inda que non sucedía con ningún dos outros xefes finais. Desta vez, cos padróns xa aprendidos, alternei uns picados coa lanza cos disparos do arco para axilizar o evento, conseguindo a vitoria final.

Polo de pronto penso en deixalo aquí, xa que non teño a nova expansión Raganarok, nin ganas de comezar cun novo personaxe nin de seguir no seguinte nivel de dificultade. De todas maneiras, tampouco borrei a instalación, así que non prometo nada.

  • Horas transcorridas: 23.
  • Maior dano causado: 1189 (o mesmo que no acto anterior!).
  • Monstros derrotados: 13269.
  • Mortes: 11.
  • Nivel: 36.