<<

Titan Souls

Un dos videoxogos que teño ganas de revisitar é o Shadow of the Colossus. Comeceino un par de veces na PS2 mais nunca cheguei até o final. Iso non quere dicir que non saiba como remata xa que moito lin sobre el e os sentimentos que provoca. O seu baleiro mundo aberto, a xentileza dos colosos e o ritual de asasinato deixaron boa marca en min e, a miúdo, atopo experiencias similares en outros deseños. Mais raro é que sexa tan obvio e tan directo coma este Titan Souls.

Dende un punto de vista cenital, bidimensional e pintado con píxeles, manexaremos o solitario protagonista que, armado unicamente cunha frecha, dará boa conta de máis dunha ducia de titáns que non se metían con ninguén. Esa frecha terá que ser dirixida cara o punto feble de cada inimigo, algo normalmente moi aparente, para causarlles a morte nun único golpe. Ás veces hai que revelar ese punto atacando algo antes, pero en moitos casos será simplemente cousa de esquivar os ataques rivais e situarse no lugar axeitado para preparar o disparo. En caso de error hai que recuperar a frecha, xa sexa inda cara ela ou atraéndoa. E non ten moito máis, pero funciona ben.

As batallas non son moi complicadas e pronto fica aparente cal é a estratexia axeitada para cada unha. Na última do modo normal si que tiven algúns problemas e rematei acertando un pouco por instinto, xa que non entendín cando facía o desdobramento e o disparo foi un pouco máis por instinto ca outra cousa. Pero, de calquera maneira, foi abondo para chegar ós créditos e apuntar o xogo coma vencido! Seica inda hai moito máis contido, xa que desbloqueei nese intre unhas dificultades máis elevadas e existen tamén varios logros para conseguir. Algúns deles consisten en eliminar certos titáns de determinadas maneiras, e curiosamente xa obtiven un dos máis complicados por non entender ben unha loita contra un titán con dentes e facer o camiño longo de sacarlle a dentadura completa sen ser iso preciso.

Obviamente podería adicarlle un tempo a probar eses desafíos, e seguramente sería algo satisfactorio. Pero coa Steam Deck tan noviña e tanto tempo sen xogar a “videoxogos de mando”, dáme un pouco de mágoa non darlle unha nova vida a toda a miña colección dixital, polo que porei polo menos o freo aquí e pasarei a outros temas. Nin gañas teño de facer esta entrada tan longa como a media do diario. Deica logo!