<<

TransBot

Un mes da década dos 90 apareceu na miña casa, de súpeto, un xogo chamado TransBot para a miña Master System II. Da mesma maneira repentina tamén desapareceu, e non volvería xogalo até o seguinte milenio. Non obstante, permaneceu na miña memoria moito tempo, e sempre pedíao coma agasallo, sen sorte. Ou iso pensaba entón, porque a verdade é que ter pagado por iso sería un atentado máis grande ca o aproveitamento da fama de Transformers e Star Wars por parte de SEGA. Porque a graza do xogo é converter a nave clásica nun robot voador para vencer a un AT-ST. Poderíamos engadir un pouco de Atrapado no tempo se non fose polo feito de que o videoxogo foi publicado na década anterior, xa que alterna dúas pantallas nun grácil e eterno bucle. Na segunda volta increméntase a dificultade, e eu cheguei até a terceira pasada antes de perder todas as vidas en torno aos 185.000 puntos (ogallá fosen pesetas, como sempre imaxinaba cando era cativo).

Iso sucedeu na miña terceira partida, pero só foi posíbel pola investigación previa que fixen. Grazas a ela aprendín que, para superar a primeira parte, hai que destruír uns inimigos particulares cunha arma en concreto, pois doutra maneira son invulnerábeis. Para trocar o tipo de disparo existe un camión con provisións que entra en xogo de cando en vez e solta unha burbulla potenciadora ao dispararlle. Ao tomar contacto con ela, ponse en marcha unha ruleta alfabética na parte superior da pantalla que teremos que frear premendo un botón. Os poderes máis interesantes son o “C”, que converte a nave no robot que proxecta un feixe láser vertical que devasta todo o que atopa no seu percorrido, e o “D”, no que a nave mantén a súa forma máis aburrida pero que permite eliminar a uns satélites case inofensivos que teñen que estoupar para acceder á segunda pantalla. Nin idea de por que, pero confirmo que ten que ser así.

Seguramente de cativo non xoguei máis ca unhas pouquichiñas veces, porque non creo que o puidese aturar moito máis. Sen dúbida, a idea de manexar un transformer é moito máis interesante ca o que realmente foi implementado aquí. Algo debería ter sospeitado cando redescubrín esa portada, porque se ben é certo que as caixas de xogos da Master System en xeral non serán louvadas polo seu arte, o do robot punki con saúdo fascista xa xoga noutra liga. Hoxe en día tamén ten graza o do nome de TransBot, dunha maneira que nunca se me ocorrería na miña infancia. Pero ase mellor ter pasado esta páxina, e polo menos serviume para superar o primeiro matamarciáns desta época blogueira. Gustaríame probar algúns máis modernos, pero non sei se terei a paciencia precisa. Coma sempre… xa veremos!