Type:Rider
Como paso moito tempo escribindo nun ordenador cada día, tendo a pensar que me iría mellor se aprendera unha distribución de teclado máis óptima que a tradicional do país, onde non tivese que mover tanto as mans para premer as teclas máis frecuentes. Seguramente sexa boa idea, malia a preguiza que me da só de pensalo, pero sempre remato facendo un test de velocidade coma TypeRacer, obtendo a sensación de que os meus dedos van rápidos abondo para a miña cabeciña, polo que non me cubriría o esforzo.
Que ten que ver isto co xogo do título, o Type:Rider? Pois nada máis que o seu nome, que me lembra ao xogo de mecanografía, e como poderían mesturarse ambos para facer unha experiencia conxunta máis interesante que cada un pola súa banda. Pero no lugar de aprender sobre tipografías introducindo letras, o deseño deste xogo aposta por un sistema de plataformas bidimensionais baseadas nunhas físicas algo especiais: nunca logran encaixar ben con moitos dos niveis e semellan máis un engadido do motor gráfico que algo verdadeiramente preciso; máis un accidente resultante da escolla da tecnoloxía que algo realmente procurado.
Da mesma maneira, o control dos dous puntos protagonistas tamén é algo forzado. A idea é que simplemente se poidan mover á par horizontalmente e brincar, empregando o escenario para coller máis velocidade e acceder a novas zonas, pero moitas veces semella que estamos a loitar contra as físicas para acceder aos nosos obxectivos. A posibilidade de facer brincos dende unha parede vertical tampouco encaixa moi ben nun xogo que pretender ser doado de manexar. Nalgúns momentos trocaremos o manexo dos puntos por outros elementos, mantendo a mesma sensación de alienación da experiencia.
O obxectivo básico de cada escenario é chegar até o final, obtendo opcionalmente polo camiño unha serie de coleccionábeis espallados. Os máis interesantes son os asteriscos, que amosan datos enciclopédicos de diversas cuestións no tocante á tipografía. A maneira de expoñelo é algo coreño, xa que temos que deter a acción do xogo para ler un artigo que ben podería ser sacado da Wikipedia. Esta intromisión lúdica choca contra a pretendida fluidez do xogo a través das pantallas que, polo xeral, son moi interesantes no apartado gráfico, sendo este o punto máis destacado nas críticas que lin por aí.
A aventura é curta: eu despacheina en dúas horas obtendo todos os coleccionábeis. Certas partes son interesantes a pesar de todos os defectos que comentei antes e todos os bugs dos que non falei pero que igualmente infectan a xogabilidade. Semella que a visión dos desenvolvedores centrouse en ter boas imaxes e un tema interesante para obter unha páxina potente nas tendas en liña, pero deixaron o resto un pouco máis de lado. Non lles saíu mal porque a meirande parte das críticas son positivas, mais eu non o recomendaría moito. De seguro hai algún libro sobre tipografías con mellores textos e unha capacidade lúdica similar.