<<

Undertale

O único importante que sabía deste Undertale antes de comezalo era que se trataba dun xogo de rol onde non é preciso matar a ninguén. Se lle sumamos o consellos de tomar a experiencia con calma, explorando ben o mundo, pois diría que xa é a combinación ideal de coñecementos. Nada máis. Iso si, estaría ben reflexionar sobre o significado de ambas afirmacións antes de comezar. Un pouco ao contrario do que fixen eu. No limiar, e aquí comeza a narrativa da miña aventura sen coidado de destripes, terminei simpatizando coa miña nai adoptiva pouco antes de que ela decidira bloquear o camiño polo que continuar o xogo. Procurei, sen éxito, algunha maneira de avanzar sen ferila. E nada. A miña falta de coñecemento das mecánicas por aquel entón non axudou. Inda que era unha loita, ela evitaba danarme. Decidín tirar cara adiante coa axuda do coitelo. Unha mágoa. Pobre Toriel. Descansa en paz.

Unha vez que se comprenden adecuadamente, as mecánicas básicas para superar os encontros non son tan complicadas. Nos ataques hai un minixogo de precisión temporal moi sinxelo, e nas defensas participaremos evitando os obstáculos coma nun xogo de marcianiños. Inda que algunhas veces si que funciona coma eses xogos clásicos con disparos dende a nosa cardionave; ou temos regras particulares contra algún tipo concreto de monstro. Pero tamén poderemos empregar o menú de “actuar” para trocar o seu comportamento e, idealmente, convencelo para que cada un volva polo seu camiño respectando a vida do outro. Normalmente hai varias accións para escoller polo que resulta un mini-crebacabezas único para cada inimigo, sexa un xefe final ou algún monstro menor.

Eu optei pola vía pacífica logo do prólogo, inda que é posible que rematase coa vida dalgún outro xefe intermedio ao comezo do xogo, tamén pensando que non tería outra opción. Seino porque nunca obtiven EXP suficiente para pasar do LV 5 que xa posuía dende case o comezo, e non incrementei máis esas variables dende que fun consciente de que realmente todos os encontros poderían ser resoltos sen feridas mortais. Iso si, permitinme pechar o círculo cunha derradeira matanza, a do inimigo inicial e final: Flowey. En realidade deixeille marxe para fuxir un total de tres veces, mais ao final convenceume de que non merecía tal clemencia. Penseino ben e decidín poñerlle fin á súa vida, xa que non sería moito comparado co que lle fixen á boa de Toriel.

Despois de rematar a aventura, e obter un epílogo semipersonalizado, boteille un ollo a unha wiki sobre o xogo e sorprendeume para ben toda a atención ao detalle que hai implementada. Non só existen tres rutas principais para percorrer o xogo, atendendo ás ansias asasinas do arrogante animal anónimo, senón tamén múltiples variacións nos combates, crebacabezas e conversas para reflectir mellor moitas das decisións. Por non falar de todo o contido que me perdín por non explorar ben certas zonas ou falar de novo con certos habitantes deste mundo monstruoso. O xogo loita moito contra as convencións do xénero e iso non foi de todo aparente para min na miña primeira partida, polo que o enfoquei con esa mentalidade clásica. Seguramente mereza unha segunda volta por moito que agora coñeza parte dos segredos, como que unha nova partida non comeza realmente dende cero, xa que trampea un pouco co sucedido no pasado.

Outra cousa que me sorprendeu bastante, inda que esta vez para mal, foi que a comunidade que se crea en torno a este videoxogo é considerada como moi tóxica, o cal diría que non é moi común para un xogo monoxogador sen ningún compoñente en liña; mais eu descoñezo eses dramas xa que vivo na miña gurgulla neste recuncho de internet. Hai un resumo interesante na wiki cun nome tan descritivo coma é Toxic Fandoms and Hatedoms, e eu xa me creo de todo. Ás veces ten vantaxes o de atoparse nun recunchiño tan pequeno e controlado da rede, non sei como aguanta a xente tanto tempo discutindo sen senso sobre a nova controversia do día, especialmente cando o fan nunha plataforma privada con moito ánimo de lucrarse dos seus usuarios.