Velocity Noodle
Velocity Noodle é un videoxogo de plataformas de precisión no que encarnaremos unha repartidora de fideos nun futuro distópico, como unha mestura de Super Meat Boy e Mirror’s Edge se somos moi xenerosos coas comparacións. O obxectivo é chegar ata a meta en 48 niveis curtos, os cales son, agás unhas poucas excepcións, superables nun par de intentos de menos dun minuto de duración.
Para conseguilo temos unha boa variedade de movementos, incluíndo saltos, aceleracións, escorregamentos e o lanzamento dunha espada voadora multifunción. Todo isto fai que o teito de habilidade sexa moi alto, xa que só o sistema de aceleracións resúltame moi opaco de optimizar: non sei se é mellor facelo no aire, no chan, alternando ou se resulta todo equivalente. En moitos casos comezaba algúns desafíos temporais premendo tantos botóns diferentes nos primeiros dous segundos que, por forza, cada vez obtiña un resultado diferente.
O xogo ten esa boa idea de incitar a facer tempos rápidos por medio dun sistema de medallas con logros asociados. Eu conformeime con conseguir a de ouro nos primeiros oito niveis, pero é un bo xeito de ampliar o tempo de xogo. Non obstante, ao non estar a programación pulida completamente, atopei cousas como niveis que superei e non se marcaron como tal, outro que supostamente rematei en cero segundos e moitos erros coas transicións dunha pantalla a outra con textos aparecendo fóra de lugar, o cronómetro comezando antes de tempo ou a imposibilidade de avanzar polo novo nivel ata forzar un reinicio. Todo iso sucedeu na primeira hora de xogo, así que son problemas doados de reproducir.
Por sorte, ao final non importa tanto se o aceptamos como unha experiencia curta. Non hai nada moi frustrante, inda que as persecucións de drones están preto, e hai momentos nos que nos poderemos sentir intelixentes atopando rutas alternativas cara a meta. Lembroume ao meu paso polo Sir Lovelot que é moi semellante nos seus obxectivos e tampouco esixe moito tempo nin deixa moita marca.