<<

World Cup Italia ’90

De cativo baixaba a xogar ao fútbol case todos os días. Non se me daba nada ben. Lembro aquela vez que collín o balón na nosa metade do campo, caneei a un rival, seguín avanzando, driblei a outro, tirei cara a portería onde non lle chegaba o gardameta e case marco gol! Foise fóra mentres todos ficaban abraiados pola miña xogada, non porque fose algo extraordinaria nesa pista, senón porque fun eu o protagonista. Pode que tocase o meu teito futbolístico por aquel entón, con tan só dez anos. A meirande parte dos meus compañeiros non daban tanta vergoña, e a algúns dábanlle ben á bóla. Un, en particular, chegou a profesional, e outro sempre me vencía no World Cup Italia ’90 da Mega Drive, que tamén era un fito importante. A verdade é que o xogo era seu (e moitos dos balóns cos que xogabamos tamén) e xa tiña nas súas xoves mans máis horas de xogo ca caneos fixen eu en toda a miña vida.

El tiña a fachenda de xogar a cotío e gañar o campionato mundial con moitos equipos diferentes e marcando máis dunha ducia de goles en cada encontro. Eu non lembro se o rematei con éxito pola miña conta algunha vez, non tanto pola dificultade coma polo tempo requirido, xa que hai que vencer en sete partidos que levan uns quince minutos cada un, sen posibilidade de gardar partida. Por sorte, as tecnoloxías actuais permiten deixar un xogo dun día para outro sen necesidade de manter acendida a consola durante toda a noite, algo que supoño que se nos ocorreu a todos nalgún momento das nosas vidas pero que agardo que ninguén o fixera: semella unha maneira para subir a factura da electricidade, quitarlle tempo de vida á consola e colaborar co quecemento global! Algo así como minar certas moedas virtuais.

Sen problemas deste estilo, fixen unha viaxe pola rúa Nostalxia volvendo a xogar logo de trinta anos e pico da celebración daquel mundial de Italia. Que por certo, este videoxogo de 1989 só ten que ver co evento do mesmo nome que o deporte pretende ser o mesmo, xa que os nomes dos xogadores son inventados e os equipos non encaixa cos que realmente participaron. Eu decidín ir polo camiño doado escollendo a Brasil con Pola e Grande coma dianteiros. No meu primeiro intento perdín en cuartos de final, nos penaltis. No meu segundo tento xa collín ritmo e cheguei á final contra Arxentina sen encaixar nin un gol e marcando un bo feixe deles. Ese partido comeceino encaixando un pero recuperei cedo para facerme coa copa mundial! O xogo recompensoume cun resumo dos resultados que me levaron aí e unha imaxe de dous xogadores vestidos de verde levantando o trofeo. E si, os de Brasil van sempre de amarelo tamén neste xogo.

Por moito que lle poida atopar un interese nostálxico as carencias deste Italia ’90 son bastante obvias. Os controis non van de todo finos e se nota certo retardo dende que prememos (ou machucamos, mellor dito) un botón até que a acción sucede, non sei se é unha demora do sinal ou se foi programado para requirir certo tempo de control do balón para xutar ou pasalo. Hai que facer unha mención especial ao botón “C”, que se traduce nun pase inútil sen forza que nos nosos tempos chamábamos “tiro de peido”, tamén polo son que facía. En tarefas defensivas só serve o botón de “sachar” para recuperar o balón, agás cando manexamos ao gardameta que tamén poderemos estiralo para atrapar algún tiro. Mais neses casos xa levaremos as de perder porque é complicado manexala con precisión e normalmente o atoparemos fóra de posición porque obteremos de súpeto e automaticamente o control do mesmo cando, na nosa mente, inda estabamos a mover ao defensa central.

Con todo, non me arrepinto de telo xogado. As lembranzas das experiencias pasadas foron ben forte e as partidas resultaron algo tensas e emocionantes, até que collía unha vantaxe imperdíbel. Case todos os goles que marquei seguían un padrón ou outro, pero non atopei ningún deses truquiños que, dende unha posición particular, resultaban sempre nun tanto. Mais seguramente aquí remate a miña introspección aos xogos de fútbol da Mega Drive. O outro que lembro ter xogado abondo era un Fifa, pero ese xa era outra cousa, chegando ao espectro da simulación, con xogadores reais, fóras de xogo e faltas. E seguramente menos encanto.

  • Brasil 3 – 0 Alxeria.
  • Brasil 6 – 0 Arxentina.
  • Brasil 6 – 0 Iugoslavia.
  • Brasil 5 – 0 Corea.
  • Brasil 3 – 0 Dinamarca.
  • Brasil 5 – 0 Francia.
  • Brasil 6 – 1 Arxentina.