<<

World of Dungeons. Empanada de trasgo

Sen pretendelo moito, acabei cun trío de novatos ao meu cargo para inicialos no apaixonante mundo do rol. Logo dunha pequena charla, resultou que querían comezar por unha ambientación fantástica clásica, ao estilo de Dungeons & Dragons. Unha das cousas que máis preguiza me dá é explicar un xogo complexo, como os de Wizards of the Coast, que ademais limita moito a liberdade dos xogadores para que os seus personaxes podan realizar as fazañas que imaxinan nas súas cabezas. Prometinme non volver dirixir un sistema no que teña que dicir cousas como “podes tentar facelo, pero terás unha penalización de -4 e recibirás un ataque de oportunidade”, de maneira que as accións durante o combate quedan relegadas a lanzar un feitizo de cando en vez (se o personaxe pode) ou facer un ataque completo. Algún día vos falarei do auxe e caída da miña campaña de Pathfinder sobre os Señores das Runas, pero hoxe non é ese día.

O sistema que escollín unilateralmente para evocar a idea que un xogador novel pode ter dun xogo de rol foi World of Dungeons: un deseño que imaxina como podería ter sido un xogo de alxubes de finais da década de 1970 se empregasen mecánicas do estilo dos Powered by the Apocalypse. Nunca dirixira nin World of Dungeons nin Dungeon World, polo que decidín comezar a modiño e tirar dunha pequena aventura preconstruída para non sobrepasarme. Os xogadores crearon os personaxes pola súa conta e o equipo foi constituído por Jacobo, un explorador fillo dun leñador que non herdou a forza do seu pai pero con boas habilidades de mensaxeiro; Gregory, un forte guerreiro que realmente quere ser cantante (inda que non se lle dá nada ben); e o Mestre Andres, un mago moi curioso que deixou aparcadas as súas tarefas de ensinanza para aprender que é iso do canto.

Os tres xuntos atoparon un asalto en curso á tenda de empanadas da señora Miggins por uns trasgos laranxas. Jacobo deixou un morto cunha certeira frecha que tamén deixou o seu arco inutilizado. Os outros dous fuxiron, non sen antes ferir levemente ao pobre Gregory, que quería capturar algún. Aprenderon da desaparizión das especias especiais da tenda e a continuación comezou unha secuencia de investigación pola vila, con especial interese no gremio de alquimistas, contratados para manter a seguridade dos negocios, e en Simón, coñecido por tentar ser competencia de Miggins coas súas repugnantes empanadas. Isto último non saíu ben de todo xa que un cadeliño rematou ferido e Gregory deixando a súa espada en prenda. Velaquí algo que non soe ser habitual en moitas partidas de rol: entre os tres personaxes só tiñan unha arma, que curiosamente era un arco de Jacobo que rompía a corda nos momentos máis inoportunos.

Con esas, atoparon unha pista que semellaba importante: Simón tiña un cabanel no medio do bosque que, por algún motivo, desexaba protexer demasiado para o pouco que era. Coa axuda dun can enfeitizado para marcar a dirección correcta, chegaron alí e atoparon as especias. Misterio resolto! No camiño de volta tiveron un encontro con Simón, o seu outro can e dous gardas que resolveron con axuda da maxia, frechas e un pouco de forza bruta. Pese a todo, decidiron non darlle máis voltas ao asunto, recuperar a espada, entregar as especias á señora Miggins e aproveitarse das empanadas de balde que poderán gozar sempre que queiran!

A experiencia pola miña parte foi pracenteira. Acomodeime cedo nas mecánicas ao Dungeon World con certa falsa confianza porque todo era novidade para os meus interlocutores, pero cando tocaba resolver algunha tirada de éxito parcial saía do paso con xiros fáciles e non moi interesantes. Para a próxima terei que estudar un pouco máis a parte de dirixir e os diferentes movementos, xa que desta vez boteille unha ollada por riba e trampeei moito. Coido que, nun futuro, non me importaría probar o Dungeon World completo con xogadores implicados para aprender as súas partes, pero ao mesmo tempo dáme preguiza ter que dominar os movementos básicos para que saia fluído. E o medo escénico. Sempre teño medo escénico! Pero, que mellor forma de solucionalo que practicando? Algunha persoa interesada?