Shining Force, capítulo 3
A arma secreta de Runefaust.
A primeira vez que empecei o terceiro capítulo, explorei toda a vila de Bustoke, falei con tódolos seus habitantes, merquei armas novas para o meu equipo, equipeinas e gardei a partida para continuala noutro momento. Estaba a xogar na versión de Steam e só empregaba o sistema de gardado do emulador como seguridade, confiando no método orixinal de falar co cura para gardar e empregar os menús que saen cando arrancas o xogo para cargar. Por algún motivo, cando volvín ó día seguinte, tiña que comezar outra vez dende o comezo do capítulo. A preguiza e outros motivo persoais fixeron que aparcase o xogo por unha semana para non ter que repeti-los mesmos 10-15 minutos.
A pícara leva unha marmota nas mans.
Polo tanto, o grupo chegou a Bustoke sete días máis tarde (na vida real, non sei canto tardou a viaxe na ficción), unha aldea edificada nas ladeiras dunha montaña moi preto dunha canteira. O exército de Runefaust raptou ós aldeáns para buscar unha arma antiga na canteira. Pero non a todos, eh! Deixaron ós vellos, ás mulleres, ós mercadores e a un home que toleou e que encarceraron. Unha das mulleres que ficou foi Diane, unha arqueira elfa que tamén se apúnta á forza brillante. Con 15 membros xa no fato, temos demasiados para levar ó combate, xa que o máximo é 12. Polo tanto, toca a parte máis dura para o líder, as exclusións:
- Gong, foi un pracer terte no grupo pero as túas curas non son necesarias de todo e os teus puñazos non serven para moito. Excluído.
- Arthur, un cabaleiro con nove puntos de vida, en serio? Lin no manual que tamén pode facer maxia porque no único combate que o empreguei non me decatara, pero nin iso fai que se libre. Excluído.
- Hans, agora temos unha arqueira que ten un nivel menos ca ti pero mellores estadísticas. Excluído.
Os restantes membros pasaron polos mercadores para gasta-lo ouro acumulado e actualiza-las súas armas. Desta vez, ó contrario que na primeira saída falsa, non me molestei en actualiza-los bastóns dos magos porque só serven para incrementar a forza dos ataques físicos e non os emprego moito para iso. Vaiamos entón cara a canteira para salvar ós homes, ver o que andan a facer aí os de Runefaust e, xa de paso, a buscar unha cura para a tolaría do encarcerado.
Cos cartos que teño podo mercar toda a tenda dúas veces, fixen as matemáticas.
Unha característica do xogo é que os inimigos tamén soben de nivel trala cortina. É dicir, os magos escuros que aparecen nesta novena batalla non teñen as mesmas estadísticas que os que esmagamos na cuarta. Certo é que as estatísticas dos mesmos pódense consultar no medio da batalla, pero é unha pequena inversión de tempo de xogo que polo de agora non me compensa: prefiro golpealos ou deixarme golpear para calcula-la súa forza a ollo dependo do dano feito/recibido; inda non me levei ningún desgusto con este procedemento. Da batalla en si mesma non hai moito que contar: aproveitei por vez primeira todo o xogo que dan as unidades voadoras e só perdín a unha maga que deixei ó alcance dun elfo escuro arqueiro que lle fixo máis dano que a vida máxima que tiña.
Gaña-la batalla non solucionou tódolos problemas. É ben certo que os homes deixaron de estar escravizados e que temos a cura para Zylo, pero os malos tamén saíronse coa súa conseguindo desenterra-la arma que estaban a buscar: o ollo láser. Non fica moi claro onde a agocharon porque non deixamos nada vivo; acotío teño esa sensación de que os diálogos do xogo non transmiten exactamente o que deberían, como se fosen engadidos a posteriori ou mal traducidos. Esquezámonos diso polo de agora e centrémonos en curar ó tolo encarcerado. É aí cando aprendemos que é (e sempre foi, supoño) un lobishome que protexía á aldea até que foi envelenado e atacou ós seus. Ledo tras atoparse san, Zylo resolve xuntarse con Max. Como un lobishome parece unha boa incorporación para as vindeiras loitas, botaremos ó centauro Ken do grupo para facerlle sitio; tiña unha morea de puntos de vida, pero penso que con Mae temos cabaleiros abondo.
Como cada vez que Max e compañía saen ó mapa principal por primeira vez nun capítulo, os inimigos están aí agardando por eles. Desta vez o mapa é moi longo e bastante lento de percorrer debido a que é unha foresta frondosa. Hai moitos escenarios, como este, que son máis unha loita contra a paciencia do propio xogador que contra os inimigos que hai no mapa. Avancei pouco a pouco pese a que ás miñas unidades voadoras terían chegado ó final nuns poucos movementos. Zylo é unha besta (literalmente) e foi o personaxe máis valioso da loita. Nada máis terminar a batalla comecei unha nova sen darme conta, por sorte non sufrira baixas polo que fun cos 12 membros incólumes (as feridas non mortíferas cúranse automaticamente ó rematar).
En movemento é máis buzaco.
Na terceira batalla do terceiro episodio atopámonos ó outro lado dunha longa ponte de pedra chea de inimigos coa arma secreta, o ollo láser, ó outro lado. Na súa primeira acción comeza unha conta atrás polo que apureime todo o que puiden para chegar a el antes que que rematase, pero non o conseguín! Cando chegou a cero disparou uns raios láser facendo moito dano a todos aqueles que estaban na ponte, incluíndo ós seus compañeiros. Por sorte, sobrevivíronme tódolos membros do grupo (varios con 3 puntos de vida, polo menos outro con tan só 1 punto) e puiden acabar co resto das unidades inimigas antes de que a arma secreta puidese disparar outra vez. Outra vitoria para a saca e outro capítulo rematado con éxito.
Ah! E outro cabaleiro-centauro uniuse ó grupo unilateralmente. Chámase Pelle e ten unha cara semellante á de Arthur, que fora excluído ó comezo desde capítulo. Non penso nin darlle unha oportunidade e iso que nin mirei os seus atributos. Espero non me estar a perder nada demasiado bo de cara ó seguinte capítulo.
- Horas transcorridas: 6.
- Batallas gañadas: 11.
- Batallas perdidas: 2.
- Membros na Shining Force: 17.
- Mulleres na Shining Force: 6 (35%).
- Equipo titular: