Shining Force, capítulo 4

Enlace ó terceiro capítulo.

A gran fortaleza de Balbazak.

O capítulo comeza co grupo chegando á cidade móbil de Pao, tódalas edificacións teñen rodas e cada certo tempo alborexa nun novo lugar. Non hai moito interesante máis aló dunha conversación cun xeneral de Runefaust que confesa que o seu reino foi corrompido por Darksol pero que, pese a iso, seguimos sendo inimigos e que a próxima vez que nos atopemos no campo de batalla só un poderá saír vivo. Pois vale. A cidade de Pao ponse en marcha cara o seu seguinte destino e Kokichi, un humano con ansias de voar, únese á Shining Force. Cando fun mirar os personaxes no menú, tamén atopei que Jogurt, un hámster xigante con moi, moi, moi malas estadísticas unírase ó grupo. Ningún dos dous entrou na selección dos 12 do equipo titular.

A pradeira de Pao é o escenario no que transcorre a duodécima batalla. Trátase dun escenario rectangular longuísimo no que cada bando comeza nos lados curtos opostos e, como é frecuente que as quendas se alternen entre un e outro, boa parte do tempo da loita pasouse vendo como o cursor de selección de personaxe corría dun lado cara o outro. Tras un bo rato vendo a pantalla moverse soa e avanza-las unidades pouco a pouco, moveuse por primeira vez o xeneral inimigo e a artillería que tiña detrás, atacando ambos a Max e deixándoo con 4 puntos de vida. Conseguinme recuperar tralo susto e supera-la batalla; xusto entón, a cidade móbil de Pao chegou até a miña posición.

Só de ve-lo mapa xa me ven o aburrimento.

En Pao volvemos a conseguir dúas novas incorporacións para o noso grupo. Por unha banda un home ofrécese para incubar de maneira instantánea o ovo de domingo que eu levaba enriba e de aí sae… un Domingo! É unha especie de augamar flotante cuxa cabeza é un gorro de tela. Pola outra incorpórase Guntz, un tatú equipado cunha armadura e un sistema de vapor para axudarlle no movemento (ou algo así). Guntz entra no grupo no lugar de Luke, mentres que Domingo quédase no cuartel xeral. Aproveitei a parada para promocionar ás feiticeiras Tao e Anri.

Os personaxes pódense promocionar unha vez que chegan ó nivel 10 na súa primeira clase, inda que poden seguir gañando experiencia até o 20. Unha vez promocionados, baixan unha parte dos seus números, trocan de debuxo para representalos e comezan de novo no nivel 1. Polo que vin despois, os niveis da nova clase soben moito máis as estatísticas que os da vella clase, así que en xeral compensa promocionar cedo a non ser que queiras os personaxes maximizados ó límite. Por outra banda é perigoso promocionar todos á vez porque podería quedar o grupo bastante débil para os combates. Eu comecei coas lanzadoras de conxuros tal e como propón o manual do xogo.

Con eses cambio comezou o asalto á fortaleza. Tardei varias quendas en meter tódalas unidades no xardín central, pero dende ese momento a contenda estivo ben encarrilada. A estrea de Guntz non puido ser peor porque, debido ó seu baixo movemento e ó separados que atopamos ós inimigos, non foi quen de facer un só ataque. A batalla finalizou repentinamente tras esnaquizar a unha peza de artillería: moitos escenarios teñen un obxectivo oculto para obter a vitoria e pode ser un verdadeiro anticlímax cando isto sucede cando queres aproveitar tódolos puntos de experiencia que pode dar un mapa.

Derrubando tanques a caxatazos dende 1992.

A maioría de soldados da fortaleza réndese e deixa libre o camiño cara o porto. Pero antes de chegar, atópome con Earnest, outro centauro similar ós moitos que xa teño pero que estivo a punto de entrar no grupo por ter trazos de morenos e darlle un pouco de cor ó grupo. Pero o seguinte en saír do grupo seguramente será Gort e quería probalo despois de promocionalo a gladiador e poderlle dar un machete de calor que perdeu un inimigo na última loita. Tamén promocionei a Max que converteuse nun “heroe” e deixou de ser un simple espadachín e aproveitei para equipar a Diane cunha frecha élfica. Esta arma súmalle ó seu ataque e aumenta o rango pasando de 2 casas a 2-3 casas, un aumento considerábel para facer que os arqueiros realmente sexan únicos e útiles.

No porto atopamos unha importante forza inimiga bastante variada. Destaca unha primeira liña de artillería que conseguiu acabar ca miña Amon, que aturou bastante disparos iñantes de caer dos ceos, semella que as unidades voadoras teñen unha taxa de esquiva moito máis alta cas terrestre. A causa de esta morte, conseguín acabar ca liña de fogo a distancia e o resto dos inimigos común foron pasto dos meus ataques. O xefe final ficou quedo diante do barco namentres os meus atacantes a distancia daban boa conta de el, inda que movín a Max para darlle o último golpe e subilo ó segundo nivel. Cabía a posibilidade de que o ataque errase e que xusto lle tocase a quenda ó inimigo para facer un ataque definitivo sobre o protagonista, pero non foi así e puiden rematar o capítulo cun triunfo non moi merecido por mor do abuso da “intelixencia” artificial.

Por último, o xogo deume a opción de perdoarlle a vida ó xeneral inimigo. Eu aceptei e Darksol deu un discurso non presencial e matou ó seu súbdito da mesma maneira. Despois permitiu que o grupo collese o barco porque “non vai sobrevivir”. Quizais fose mellor idea matar a Max e perdoarlle a vida ó outro, pero xa vimos varias veces que Darksol non é o rival máis brillante. Veremos o que pasa no quinto capítulo.

Levo trampeando coas capturas dende que comecei a aventura, pero aquí é onde é máis flagrante; o meu equipo non se corresponde con ese.

  • Horas transcorridas: 8.
  • Batallas gañadas: 14.
  • Batallas perdidas: 2.
  • Membros na Shining Force: 22.
  • Mulleres na Shining Force: 6 (27%).
  • Equipo titular:

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.