Shining Force, capítulo 5
Porta do santuario agochado.
Sen tempo para descansar e sen máis que algunhas poucas liñas de diálogo dende a última batalla, comeza unha nova no barco. Como na última perdín a unha unidade, desta vez comecei con tan só 11 personaxes. Cabía a posibilidade de baixar as escaleiras, falar co cura que viaxa connosco para alzar de novo a Amon e volver a comezar a loita. Non obstante, non o fago e comezo a loita normalmente: até o de agora nunca fuxín e prefiro que siga sendo así namentres teña opción de gaña-lo combate.
A maiores duns cabaleiros-centauros-pegasos cos que xa loitamos varias veces, hai unha chea de monstros mariños. Non son especialmente fortes, pero un deses moluscos conseguiu que Max quedase papexando ó conectar un ataque dobre sobre el. Conseguín matalo de volta, pero por aí voaba tamén un pegaso que podería ser perigoso, así que lle lancei un feitizo de confusión para evitar males maiores; o feitizo aprendérao Anri fai un par de niveles e só probárao contra o xefe final da loita anterior pero, ó igual que outros feitizos como o de durmir, non tivo efecto ningún en el. Odio cando todos eses feitizos son inútiles nas loitas onde terían que ser máis interesantes. Inda así, resumindo, o feitizo funcionou, o pegaso apareceu cunhas estreliñas na cabeza pero conseguiu golpear con éxito ó protagonista á primeira, facéndome reiniciar a batalla e tendo que aumenta-lo contador de perdas a 3. Na segunda rolda, superei o escenario sen problemas.
É a miña nova némese e nin son capaz de describila.
O barco quedou danado no asalto. Unha amable serea lévanos á súa terra onde o rei ofrécese a repararnos o barco. Faino mentres nos saqueamos tódolos baúis do arquipélago, promocionamos a Mae para ser unha paladina e a Zylo para converterse nun “lobisbarón”, e collemos un barco emprestado levándoo máis aló de onde nos aconsellan ate que as correntes mariñas fainos caer por unha fervenza; non somos precisamente os mellores convidados. Max esperta da súa inconsciencia nunha illa ocupada por un só párroco pero que ten un edificio cun soto tan grande que pode alberga-lo cuartel xeral da Shining Force. É curioso que o xogo tome a Max como o avatar de todo o grupo, pero a historia funcionaría inda mellor se supoñemos que anda só e que os compañeiros aparecen maxicamente para axudalo nas pelexas. Na illa hai un extravagante edificio azul no que perseguimos a un esqueleto até que nos metemos en problemas.
A segunda batalla da serie ten un escenario ofrecendo certo interese táctico porque hai inimigos tanto no fronte como polos dous laterais. Moitos dos do medio acabaron apiñándose no extremo norte onde foron aniquilados pola forza das maxias das miñas feiticeiras. Cabe destacar que, inda que a loita cos esbirros foi longa, o mago xefe só tiña 22 puntos de vida e non soportou máis que un par de golpes. Ó rematar, o espírito da fonte sagrada (ver capítulo 2) fala dicindo que nos atopamos diante do “camiño brillante” e que alí está a chave que andamos a buscar (debo confesar que non lle estou a prestar moita atención á historia). Nese momento un deus ex máchina fai que sexa imposible entrar nesa porta e que teñamos que partir cara Dragonia. Por se acaso temos algunha idea de que sería boa idea intentar abri-la porta esa, todo o lugar asolágase impedindo o futuro acceso.
Pero o paso máis inmediato é ver se o noso barco xa está amañado, así que primeiro volvemos a Waral (pois tal é o nome do arquipélago) onde falamos de novo coa Serea que nos prega que volvamos xunto a ela cando rematemos a nosa misión. Non sei moi ben se iso será posible porque, polo de agora, non é posíbel retornar a un escenario doutro capítulo, así que xa veremos. O rei comunícanos que o barco xa está arranxado polo que partimos de novo cara o alto mar.
Xa non tes nada máis que poida roubar, así que si.
De novo no mar, de novo outra loita. Por primeira vez, unha batalla volve a utilizar un escenario de outra e, tamén por primeira vez, xorden novos inimigos que non estaban no comezo. As unidades inimigas son as mesmas que a outra vez, pero engadindo unha gárgola bastante feble que lanza o non moi útil feitizo de confusión. Dou boa conta de todos co meu equipo pero, desventuradamente, o barco volveu a ser escachado e o seu fado é incerto.
Non sei se me perdín algo, pero este foi o primeiro capítulo que non tiven ningunha incorporación nova ó grupo. Prodúceme mágoa cada vez que Gort lle ten que dar o último golpe a un inimigo e leva un morea de puntos de experiencia porque levo pensando bastante tempo en botalo do grupo principal, só estou agardando a que veña un substituto digno. Pero iso será, se cadra, no seguinte capítulo.
- Horas transcorridas: 10.
- Batallas gañadas: 17.
- Batallas perdidas: 3.
- Membros na Shining Force: 22.
- Mulleres na Shining Force: 6 (27%).
- Equipo titular: