<<

Shining Force, capítulo 7

Enlace ó sexto capítulo.

A civilización perdida.

Este novo capítulo do xogo comeza na cidade de Prompt, un lugar onde os seus grosos habitantes pensan máis na comida que en… ben, que en calquera outra cousa. Actualizo as armas de todo o equipo titular sen reparar nos fondos (hai cartos a esgalla neste xogo inda que xa perdín varias loitas) e marcho a visitar ó rei no seu castelo subterráneo. Na terceira frase da conversación manda encerrar a Max na cadea e tres minutos despois este xa está libre grazas a un vello amigo. Como o rei necesita axuda nese momento, esquécese do enfado de fai un intre e deixa que marchemos da cidade para botar unha man na guerra contra Darksol. Antes diso facemos unha visita a un Kane ferido que afirma que somos boa xente (!).

Supoño que o dragón Bleu saberá a pito.

Saíndo para a torre do leste atopámo-lo inimigo e outra vez é terreo dificultoso para o movemento. Con cachaza avanzamos pouco a pouco dando boa conta de algúns tipos de rivais novos como minotauros, dragóns e unha especie de máquinas arácnidas que disparan uns raios láser que fan moito dano. Unha vez está o escenario limpo, volvemos a Prompt para promocionar a Lowe, que xa era nivel 12, a vicario; e ó centauro Lyle a cabaleiro de choque: agora o seu lanzafoguetes é moito máis grande e recórdame a certa escena da película Four Lions.

A torre segue un padrón no que hai que percorrer todo o lateral dun piso para atopar as escaleiras e subir ó seguinte. Polos corredores hai algún monstro solitario que non presenta moitos problemas se conseguimos atacar primeiro, e cada subida ó seguinte piso é un punto de choque onde temos que ter máis coidado e onde as feiticeiras se poden lucir. Os dous personaxes con rango largo que levaba tamén fixeron un bo traballo eliminando a algúns inimigos voadores que patrullaban e a outros terrestres dende pisos inferiores sen posibilidade de que lles atacasen de volta. O mestre de demos do final non fixo nada máis que recibir unha estocada e morrer.

No alto da torre está Darksol rematando co ritual necesario para espertar ó Dragón Escuro. Por sorte para nós, nese momento aparece Kane e… non sei moi ben o que fai pero creo que morre coma un heroe sen ter solucionado moito. Do anterior fato que mandara o rei para atallar a Darksol só quedan vivos Alef, unha feiticeira raposa, e Torasu, outro crego mediano. A femia entra de inmediato no meu grupo principal substituíndo a Bleu. Tamén equipo a Guntz cunha lanza maldita que fai que perda vida cando ataca, e a Mae cunha lanza chamada “valquiria”, polo que pode volver a atacar a distancia. Max tamén obtén unha mellora ó recibir un “turbopemento” e aumentar desta maneira a súa mobilidade en dúas casas por quenda. Decidín darlle todos os obxectos que potencian as habilidades a Max tan pronto como sexa posíbel, xa que é o único personaxe co que conto con incluir en tódalas loitas.

Outra vez lisca deixando a Max vivo.

Saímos da torre e volvemos á cidade a promocionar a Alef, que entrou no grupo ó nivel 15, para que poda mellorar as súas aptitudes máxicas. Debaixo do castelo de Prompt está o camiño brillante, que se abre para Max cando emprega o orbe de luz que levaba no peto dende hai moito tempo. Ó cruzar accedemos a Metapha, a civilización perdida que se menciona no título do capítulo actual. Entre os ecos do espírito da fonte sagrada e a axuda dun amable robot chamado Adam, aprendemos que coa espada de luz de Max e a espada de escuridade de Kane, podemos formar a “rompedora do caos”. Pero no camiño hai outro robot, este con máis pinta de malo e nomeado Chaos, que nos impide o paso.

Os inimigos nesta batalla comezan moi preto do grupo dos bos e polo xeral os robots son moi fáciles de destruír pero fan moito dano cando atacan, seguramente sen ter moito en conta o atributo de defensa do seu obxectivo. Por outra banda, decidín quitarlle a maldición a Guntz na capela sen saber que iso o que facía era desequipar a arma, cosa que non descubrín até que fixo un ataque. Debido a eses tres factores, decidín saír correndo e volvelo a tentar nunha segunda volta. Desta vez organiceime mellor, minimizando os ataques que recibirían as miñas unidades. Tamén volvín a equipar a Guntz coa lanza maldita porque fai máis dano ca alternativa e, ó final, todo resultou ben.

Os que esperasen un crebacabezas para poder forxa-la nova espada estarían moi errados. Catro grandes lousas de pedra explican perfectamente o protocolo consistente en poñer a espada da luz nun sitio, a de escuridade en outro e listo! Xa temos a espada rompedora do caos! Con ela poñemos ruta dirección a Runefaust, pero inda quedaba unha ultima loita neste capítulo, unha desas que tanto gozo ó ter que percorrer un largo camiño de bosques e montañas. Non foi especialmente difícil máis aló da desvantaxe de ter que mover ás unidades pouco a pouco e a aparición duns esqueletos armados con machadas e pistolas láser. Hai moita diferenza no dano recibido polas miñas unidades especializadas no combate corpo a corpo dependendo de que arma escollan, así que ás veces son un pouco lotaría as decisións da intelixencia artificial.

O nome do protagonista foi censurado por cuestións técnicas.

Rematou a pelexa con Zylo no nivel 20 a falta dun capítulo para o final. Tendo en conta que é un dos meus personaxes máis empregados, non está mal que acadase o límite a estas alturas. Con isto, dicímoslle adeus ós arrabaldes de Prompt e saudamos ós de Runefaust, que darán lugar ó derradeiro capítulo.

  • Horas transcorridas: 16.5.
  • Batallas gañadas: 25.
  • Batallas perdidas: 5.
  • Batallas fuxidas: 2.
  • Membros na Shining Force: 26.
  • Mulleres na Shining Force: 7 (27%).
  • Equipo titular: