<<

Shining Force, capítulo 8

Enlace ó sétimo capítulo.

Alzamento do castelo antigo.

Non hai moita historia a estas alturas. Os poboadores de Runefaust están quedos e felices porque rematou a guerra e o contacto que temos na cidade dinos que vaiamos cara o castelo porque alí é por onde hai que seguir. Ó chegar aparece Darksol, tan vivo coma sempre, e preséntanos ó seu novo lacaio, Ramladu. Teremos que loitar contra el.

Até pronto!

A loita comeza cuns inimigos novos: unhas quimeras que esquivaron tódolos meus ataques non máxicos durante toda a primeira queda e parte da segunda. Por un momento pensei que era un pouco desapiadado obrigar a ter lanzadores máxicos no grupo para poder superar esta parte ou que era unha pelexa desas que non se poden gañar. Pero non, sinxelamente teñen unha taxa de esquiva moi alta e tardei moitos intentos en golpear a algunha fisicamente. Unha vez descubrín iso, o resto foi sobre rodas xa que os inimigos case non se movían e era simple planificar unha táctica para acabar con eles.

Na segunda batalla, que comezou sen que puidese volver á cidade a alzar ós caídos, un gran número de robots aparecían ó sur do grupo mentres que o xefe Ramdalu comezaba ó norte do mesmo. Mandei a tódalas miñas unidades a destruír ós robot, pero estes empregaron a súa quenda en rodear a Max e atacalo por tódolos lados, incluíndo a distancia. É obvio que a loita non pasou de aí. Iso si, na segunda volta fixen que tiveran que repartir máis o dano e non foi ningún problema. Ramdalu non tiña maxia e só tivo tempo de facer un ataque mandando a Amon ó outro barrio antes de recibir o seu. Resulta que en realidade el tampouco era malo e que Darksol controlábao e bla-bla-bla…

Tras facer unha parada técnica na cidade para resucitar a quen o necesitase e para meter no grupo a Torasu en lugar de Lowe (semella que os conxuros do primeiro son mellores), Max emprega a súa espada nova para facer que un castelo emerxa do medio do océano e entra nel grazas a un transportador tecnolóxico. Alí comeza unha nova loita polo acceso ó interior do castelo dos Antigos (que para ser antigos tiñan unha tecnoloxía que xa quixeran moitos habitantes de Guardiana).

Para saír da zona inicial hai un estreito corredor polo que pasei as miñas tropas na primeira quenda. Resultou ser un erro porque dous grupos, un de quimeiras polo leste e outro de dragóns azuis polo oeste, chegaron voando e fixéronme unha voa pinza. Intentei forzar un pouco para tentar reconducir a loita pero non me saíu nada ben e tiven que sumar un mais á conta de batallas perdidas. Coma sempre na segunda volta tiven moito máis coidado e experiencia, deixei que chegasen as súas forzas sen moverme do meu sitio e fun dando conta de elas maioritariamente grazas a maxia das tres feiticeiras que levo. O xefe final era unha especie de mestura entre un metroid, un ciborg e un cerebro humano que dividiuse en tres partes, cada un cunha afinidade máxica diferente. Pero unha vez que din boa conta dos seus esbirros non tiven máis problemas.

Hai que acertar co elemento para facerlle tanto dano ás quimeras.

Xa levo un par de capítulos notando o mal que se desenvolve Amon nas loitas: contra os inimigos que teñen boa defensa non fai nada de dano, e contra os que a teñen baixa non é moi necesario porque case calquera outro é capaz de derrubalos dun só ataque. Vouna deixar no grupo porque prometinme a min mesmo que xogaría con tódalas mulleres que ofrecese o xogo pero é unha desvantaxe considerábel. A isto tamén podo sumarlle o desafío de non empregar ningún obxecto nas pelexas: primeiro foi porque non me facían falta, despois porque esquecíame e agora xa é por cachamoulán.

Ó rematar a anterior batalla, xurdiron unhas escaleiras polas que ascendín ó grupo. En realidade, primeiro fixen todo o longo camiño até Runefaust para facer que o cura trouxese da morte ós finados e despois si que volvín e ascendín polas citadas escaleiras. Alí estaba finalmente Darksol, ó outro lado dun estreito corredor e rodeado de algúns serventes robóticos. Afrontei a loita con calma, aproveitando o gran alcance dos arqueiros e movendo a Mae a limpar en solitario o lado do oeste e a Zylo o lado do leste, mentres o resto agardaba o seu turno pacientemente no centro. Pouco a pouco fun eliminando unidades inimigas sen recibir dano até que foi hora de dar un último empurrón e lanzalos a todos cara Darksol. Con só unha baixa conseguín derrotalo.

A estas alturas xa destripárame o número de batallas no xogo, polo que ó ver a Darksol na anterior, ben sabía que tería unha segunda forma ou que finalmente tería que loitar contra o Dragon Escuro, como foi o caso. Porque con seu último alento de vida, conseguiu invocar a un xigante monstro de tres cabezas que ameaza con terminar o mundo tal e como o coñecemos. Sen oportunidade para descansar, a Shining Force atopábase organizada para darlle fin!

Hai que recoñecerlle o medo que da.

A derradeira loita, ademais das tres cabezas que actúan por separado, tamén ten dous xeradores infinitos de esqueletos armados. Pódese evitar a aparición deses inimigos se poñemos unha unidade xusto na casa onde nacen, pero tardei en aproveitar iso. Tiven moita sorte no comezo cos danos que lle fixen ó dragón, xa que vin varios impactos críticos e algún ataque dobre. Sen embargo, as maxias lanzadas polas cabezas foron deixando marca nas miñas unidades pouco a pouco. Cando xa lle quedaba pouca vida ó dragón (ou iso pensaba eu), decidín forzar para destruílo pero non me decatei que un dos esqueletos tiña movemento suficiente para achegarse a Max e dispararlle co seu láser, facéndome perde-la loita. (Resultaría que non estaba tan preto como pensaba de gañar, porque cada cabeza ten a súa propia vida e era necesario destrozalas a todas).

Resultou que, seguramente con bo criterio, non era posíbel simplemente repetir esta última batalla, polo que tiven que volver a enfrontarme a Darksol: esta vez empregando a mesma táctica, pero con máis atino, conseguín derrotalo sen ningunha baixa e sen que el puidese facer ningún ataque. O dragón final, agora que xa sabía máis ou menos como actuaba, foi un desafío curioso pero do que saín ben parado, esnaquizando as tres cabezas a tempo.

Fora do noso control, Max non ten outra opción que chanta-la súa espada enriba do dragón para impedir que este rexurda. Desgraciadamente, isto supón que ten que quedar aí mentres que o castelo afúndese de novo, pero atopa forzas para lanzar o feitizo de escapar da batalla para por a salvo ós seus compañeiros. Fora, todos laméntanse do sacrificio, especialmente Mae e Lowe.

A narradora cóntanos logo como o mundo de Rune foi salvado grazas a esa acción e como Mae levou á forza brillante de volta para casa e Anri herdou o trono. Para terminar, tamén hai unha derradeira escena na que podemos ouvir a un personaxe misterioso decidindo quedarse a descansar nunha aldea tras vagar polo mundo. Ese personaxe resulta ser Max.

Ficou todo listo para a secuela e para o resumo final.

  • Horas transcorridas: 20.
  • Batallas gañadas: 30.
  • Batallas perdidas: 8.
  • Batallas fuxidas: 2.
  • Membros na Shining Force: 26.
  • Mulleres na Shining Force: 7 (27%).
  • Equipo final: