Final Fantasy I, resumo final

Como escollín a versión deste xogo publicada para Playstation no Final Fantasy Origins, quince anos despois da versión orixinal, non sei como de ben se poderán aplica-las miñas impresións ó verdadeiro xogo que comezou coa saga. Independentemente diso, xa deixara moi claras as razóns polas que escollín esta variación no capítulo inicial, e non creo que lle adique outras vinte e seis horas para contrasta-las diferencias entre ámbalas dúas.

Non sei cal é a relación entre o nome do xogo, o arte e a trama.

Agás nos excesivos combates ó chou, ante todo cando non engadían ningún desafío, non se lle notaron tanto os anos ás mecánicas do xogo. De calquera maneira, é ese ritmo desmesurado de pelexas o que fai que as incursións podan resultar tensas, xa que minguan pouco a pouco os recursos do xogador e fanlle dubidar sobre o momento preciso para comezar unha probábel volta a superficie para gardar partida e alicerza-las ganancias; este “tenta-la sorte” é o sentimento que máis se repite dentro do xogo. Ben é certo que hoxe en día seguramente necesitaríamos algo máis de variedade e táctica nos combates, mais sería moi duro atribuírlle a culpa diso cando o mundo dos xogos de rol para consolas tardou en descolarse desa sinxeleza.

Pola súa banda, a historia é máis lineal do que semella a primeira vista e resúmese en boa parte en “conseguir un obxecto para conseguir outro obxecto” até que cheguemos ó final. O mellor é a maneira na que se abre o mundo cada vez que obtemos acceso a unha nova maneira de navegar polo mesmo, nun estilo de evolución que recorda ó Metroid publicado un ano antes. O peor é que cada vez que o mundo explorábel aumenta, agárdannos unha morea de combates ó chou mentres intentamos acertar có lugar ó que debemos chegar, facendo que a ilusión dun mundo aberto se converta nun fastío até que atopemos por onde continua-la trama.

Comparación entre a versión orixinal e a que xoguei. A baixa resolución da imaxe é parte do encanto.

Unha trama que non me ficou moi clara a media que ía xogando, e que non se me aclarou cando cheguei ó templo do caos. Segundo fontes máis informadas do que podía estar eu, resulta que os catro inimigos elementais (o liche, o kraken, Marilith e Tiamat) enviaron a Garland ó pasado onde se converteu no archidemo Caos, que aproveitou para manda-los catro elementais de volta ó futuro para que o poidan enviar ó pasado… formando un ciclo temporal que só se rompeu cando os guerreiros da luz derrotaron ós cinco no pasado. Nun novo xiro, no epílogo descubrimos que todo este baile temporal rematou nun mundo no que os protagonistas cambiaron o futuro e as súas fazañas ficaron descoñecidas. Non vou pararme a pensar moito nestes paradoxos temporais, porque semella que a acción máis sinxela sería ficar na liña temporal principal onde os catro elementais xa foran derrotados e non había máis mal no mundo… pero quizais estoume a perder algo.

Non teño nos meus plans volver a xogar dende o comezo con novos personaxes, nin intentar completa-lo modo colección que desbloqueouse ó rematalo. Quédame a dúbida de se tenta-la segunda parte da saga noutro momento, mais todo o que leo sobre ela quítame as gañas de facelo. O que é seguro e que seguirei viaxando cara atrás na historia dos videoxogos de rol xa que, da mesma maneira que o Suikoden do que falei anteriormente pode citar a este Final Fantasy como influencia, Hironobu Sakaguchi citou a miña seguinte aventura como inspiración para a súa fantasía final. Sintonizade en sete días para saber cal é!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.