Vinte druídas trocando ingredientes para facer pocións

A fin de semana pasada atopeime convidado a un acto social con outras vinte persoas. Un dos organizadores díxome que sería xenial se puidese organizar unha partida de rol ou algo similar como sorpresa, a sabendas de que algúns dos presentes poderían non ter moito interese no tema. Acordeime do Haggle de Sid Sackson (o autor do Bowling Solitaire) e, por sorte, na BGG atopei un set de regras que adaptei un pouco para darlle un toque máis celta con druídas. Cortei 180 fichiñas de goma EVA para facer de ingredientes (catro cores, escribindo os números do 1 ao 5 nove veces en cada cor) e escribín a man 41 anacos de papel cos capítulos que aparecen máis abaixo (tres de cada un do 1 ao 14 [agás o 13 que non hai], un do 15 e outro 12 extra). Sonche así de aplicado para os xogos.

Cada xogador recibiu un sobre con 9 fichas e dou capítulos ao chou e tiñan até o día seguinte para finalizar a súa poción. Todos comezaron o xogo inda que algunha entregoume o sobre tras ler as súas regras; non lle culpo nin un pouco. Eu non me decatei de case nada do que pasou tras rematar a explicación, mais seica até houbo rumores de pistas falsas, pero os que procuraron ben conseguiron coñecer todas as regras máis ou menos. Un par de horas e pico despois de comezar xa tiña todos os sobres entregados.

O noso gañador tívose que contentar cun aplauso.

Non quero ampliar máis o artigo, polo que vos deixo cas regras finais e algunhas observacións:

  1. Introdución ás pocións.
    O nivel base da poción é igual ca suma dos valores dos seus ingredientes, até un máximo de 15.
    Unha poción non pode ter máis de 10 ingredientes activos.
  2. Advertencia a novatos.
    Os ingredientes con valor de 4 ou máis son inestábeis.
    Unha poción con máis de dous ingredientes inestábeis descarta todos os ingredientes inestábeis antes de determinar o nivel.
  3. Variedade.
    Se unha poción é feita con catro ou máis ingredientes de diferente cor, o seu nivel increméntase en 3.
  4. Dobre-duplo.
    Cada parella de dous ingredientes da mesma cor e valor incrementa o nivel da poción en 2.
  5. O poder das palabras.
    Os capítulos son máxicos.
    Cada capítulo incrementa o nivel da poción en 1.
  6. Maxia natural.
    As fadas son de cor branca e máxicas.
    Se unha poción ten máis compoñentes máxicas que calquera outra, o nivel da poción increméntase en 5.
  7. Caldeiros.
    O mestre de cerimonias ferverá os ingrediente que lle leves.
    Se todos os ingredientes dunha poción foron fervidos, o nivel da poción increméntase en 4.
  8. Botánica.
    As abelouras son verdes; cada unha fervida nunha poción incrementa o seu nivel en 2.
    Os cogumelos son azuis; cada un fervido nunha poción diminúe o seu nivel en 2.
  9. Anfibios.
    As píntegas son vermellas e velenosas.
    Se unha poción leva tres ou máis píntegas, o nivel da poción diminúe en 3.
  10. Fungos.
    Os cogumelos son azuis e velenosos.
    Unha poción é mística se leva máis ingredientes velenosos que non velenosos.
  11. Misticismo.
    O nivel dunha poción mística increméntase en 1 por cada dúas pocións non místicas feitas no conclave.
    O nivel dunha poción non mística diminúe en 1 por cada dúas pocións místicas feitas no conclave.
  12. Veciños.
    Cada clan ten dous veciños, que comezaron ao seu carón no conclave; podes confirmalos co mestre de cerimonias.
    O nivel dunha poción diminúe en 1 por cada cinco niveis das pocións dos veciños.
  13. Non hai.
  14. Visións.
    Podes ofrecerlle un ingrediente ao mestre de cerimonias.
    Se acepta a ofrenda, poderás ver o capítulo 15.
  15. Premonicións.
    Un ingrediente ofrendado non forma parte activa dunha poción, pero incrementa o seu nivel dúas veces polo valor do ingrediente.
    Non podes facer máis ofrendas nin volver a ver este capítulo.

Recreación.

A regra dos veciños foi totalmente invención miña e tiña como obxectivo tentar separar aos colegas de toda a vida, de maneira que tiñan un incentivo para non colaborar con eles e si cos non tan coñecidos. Non saíu de todo ben porque fixo que tivese moita importancia no reconto final de puntos. Se cadra algún sistema de puntuación por equipos sería unha mellor solución. O tema da puntuación foi pesado como xa imaxinaba, pero non me deu tempo a preparar unha folla de cálculo para simplificar o tema.

En resumo considero que a experiencia foi boa e, coa experiencia adquirida, podería volvela a repetir dalgún xeito no futuro.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.