<<

Final Fantasy II. Capítulo 1

Para escoller o Final Fantasy I fixera unha investigación das súas diferentes versións, até que atopei unha coa que estivera satisfeito. Para esta secuela simplemente lin que a versión orixinal era moi complicada e que a da PSP era recomendábel. Non teño nin idea das diferenzas entre unha e outra, pero fíome de que é boa e prefiro non saber moito máis. Arranquemos!

Antes de comezar, temos a posibilidade de nomear aos protagonistas. Eu elixín Xog’on para o primeiro (non funcionaban os acentos), Rosala para a segunda (en honor á autora de El caballero de las botas azules, que estaba a ler nese momento), Alex o terceiro (pola Laranxa mecánica) e Zapato o último (un dos meus nomes preferidos), que resultou ser o irmán perdido de Rosala cando comeza a aventura. As loitas e as mecánicas das mesmas son similares ás do Final Fantasy orixinal; a novidade ven en que non hai experiencia e niveles como tal, senón que os personaxes melloran as aptitudes que empregan en cada loita.

Como non hai clases ou profesións fixas para os personaxes, decidín darlle un xiro aos roles clásicos. Ao varudo de Alex mandeino para a fila de atrás cun arco e maxia negra. Xog’on segue na vangarda armado con mazas, un pouco de maxia branca e moita armadura. Pola súa banda, Rosala leva un machado en cada man, nada de maxia e as armaduras máis pesadas. De Zapato inda non sei ren tras catro horas de xogo, polo que non decidín o seu destino.

Inda así, algo raro hai no sistema porque Rosala é a que menos puntos de vida ten, e inda non conseguín que a súa forza acadase a inicial de Alex, mentres ca este segue a subir a súa e é o que máis puntos de vida ten. Se cadra o meu plan non é o mellor e pagareino no futuro, mais é unha mágoa que nun xogo deste tipo os personaxes iniciais non sexan un lenzo estatístico en branco, no que a súa evolución dependa exclusivamente do emprego que se lles dean a cada un.

Fora das batallas hai unha mecánica sinxela de comunicación cos personaxes do mundo. Trátase dunha listaxe de palabras chave que podemos aprender cando aparecen nunha conversación. A partires de entón, podemos preguntar por esa palabra nas falas cos personaxes importantes que atopemos, que normalmente teñen un retrato cando falan nesta versión. Este sistema, cunha reminiscencia ao Ultima IV pero moito máis limitado, é a maneira principal de progresar na trama cando rematamos as viaxes.

Polo de agora a historia avanzou pouco, cos protagonistas envolveitos no lado fébel dunha loita contra o poderoso imperio. Inda así, houbo tempo para moverse polo mundo camiñando, en canoa, barco mariño e nave voadora, e tamén para vivir escenas memorábeis. Destas últimas destacarei o sacrificio de Josef para salvar ao grupo da morte por esmagamento; recordoume a una cinemática duns xemelgos noutro xogo desta longa saga 🙁

  • Pasos dados: 14.000.
  • Puntos de vida de Rosala: 282.
  • Palabras chave coñecidas: 6.
  • Horas transcorridas: 4.