<<

Final Fantasy III. Capítulo 1

Apetecíame coller outra vez a PSP, pero non tiña claro que xogo ou xénero escoller. Instalei o Final Fantasy III, entre outros, simplemente por telo a man e continuar algún día coa saga da que xa falara nestas páxinas (I e II). Certo tempo máis tarde, nun momento de debilidade física, collín a maquiniña e comecei a aventura. Non sei se foi debido ao meu estado de saúde neses días, pero non empecei con moitas ganas e deixeino abandonado. Dende entón, semanas máis tarde, só xoguei uns quince minutos máis para recordalo un pouco e pode escribir esta entrada. A ver se non meto moito a pata tirando de memoria!

O xogo comeza con Peiro, un orfo da aldea de Ur nomeado por min, que atopa un cristal falangueiro que lle comenta que o propio Peiro é dun axentes do cambio necesarios para traer de novo a harmonía ao mundo; agora mesmo non recordo se sabemos exactamente as causas de ese desaxuste ou se é algo que hai que asumir, pero vai polo clásico binomio luz/escuridade. Por outra banda, os tamén orfos Xalo, Vinxer e Cela, tamén teñen un encontro místico co cristal e, xa logo de xuntarse con Peiro, deciden formar un grupo para atallar o mal. Ou algo así, xa lle botarei un ollo a algún resumo unha vez teña avanzado algo máis na historia, por se estoume a perder algo importante.

Nas pouco máis de tres horas rexistradas que levo no xogo xa pasaron unha morea de cousas: atopamos a Cid, arranxamos a súa nave voadora, empregámola para viaxar polos ceos e até a estoupamos para abrir unha nova vía terrestre. Coido que por vez primeira na saga houbo unha clara consonancia entre a historia e as mecánicas do combate e as súas estatísticas. Isto sucedeu cando tiven que lanzar o feitizo Mini para cambiar de tamaño aos protagonistas e poder acceder así a unha nova zona diminuta. A peculiaridade é que ser do talle de Garbanciño ten un impacto moi importante nos combates, especialmente no referente ao dano físico.

Para lanzar o feitizo Mini é preciso ter algún personaxe que sexa quen de facer maxia branca. Pero non é difícil xa que a novidade principal desta terceira entrega é o sistema de oficios. Inda non teño claro de todo as minucias do mesmo pero, a alto nivel, permite trocar de clase sen restricións, inda que cada unha ten o seu propio nivel de experiencia, polo que parece boa idea iso de especializarse. Polo de agora non hai moitas para escoller, pero supoño que aparecerán máis, quizais cun sistema semellante ao do Final Fantasy Tactics. No intre de escribir isto levo un cabaleiro, un pícaro, un mago branco e outro negro. Un detalle simpático é que o modelo tridimensional do personaxe disfrázase do seu novo oficio, e son todos moi riquiños, inda que hai certa tendencia a que a moza leve menos roupa que os mozos para o mesmo traballo.

Agora, con este artigo xa escrito, atópome con máis ganas por retomar o xogo e avanzar na intriga. O último que fixen foi conseguir a nave Enterprise para navegar as augas (a pesar do nome, nin vai polo espacio exterior, nin voa, nin a pilota Jean-Luc Picard). Isto foi logo de calmar a unha serpe mariña que me abatanou ben no noso primeiro encontro. Semella que os combates non ganábeis son algo frecuentes no comezo deste xogo. Xa veremos se é unha maneira de significar a debilidade dos humildes protagonistas nos primeiros niveles ou se será algo habitual durante todo o transcorrer desta terceira fantasía final.

  • Tempo de xogo: 3 horas.
  • Oficios Xalo/Peiro/Vinxer/Cela: guerreiro, ladrón, mago branco, maga negra.
  • Nivel mediano: 11.