Brütal Legend
Noutra páxina que non vén a conto presentábame dicindo que era “fanático da música en todas as vertentes: dende o heavy metal até o black metal, pasando polo thrash metal, speed metal, death metal, folk metal, symphonic metal, viking metal, epic metal, gothic metal, power metal e esa música rara que fai o tipo do caldeiro na cabeza”. Obviamente era unha chola, pero si que gozo dese estilo de música e coñezo máis datos irrelevantes sobre Iron Maiden e Bruce Dickinson que horas de voo ten este. Por tanto semella que son un bo candidato para xogar a este Brütal Legend de Tim Schafer, inda que nunca encaixei de todo coas súas obras (Day of the Tentacle inda fica na miña longa lista de clásicos para xogar).
Os primeiros compases son totalmente esaxerados e marcan o ton de toda a campaña. O metal e a súa imaxe éncheo todo dunha maneira moi axeitada. A música é variada e atópase ben seleccionada, a mágoa é que moitas veces non a podemos gozar de todo porque troca automaticamente ao comezar ou rematar unha misión ou ao baixar do coche; iso sen mencionar cando hai tantos gritos por riba que nin sequera resulta audíbel. Pero cando unha canción é ben posta para un momento concreto o resultado é sublime, coma o Mr Crowley de Ozzy Osbourne durante a caída de Ophelia.
No apartado lúdico non me pillou por sorpresa a mestura entre xogo de acción e de estratexia en tempo real. Escollín xogar a campaña no nivel de dificultade máis elevado, o brütal, e só atasqueime un pouco nas de condución/escolta. As principais de estratexia non foron especialmente complicadas, inda que si algo longas e moi caóticas. Supoño que iso foi porque tampouco aprendín moi ben as características de todas as unidades nin aproveitei moito o de unirse a unha escuadra para facer ataques conxuntos.
Tim Schafer xura e perxura que o modo multixogador que combina acción e estratexia é a verdadeira razón detrás do videoxogo, a pesar da publicidade que Electronic Arts quixo darlle. Eu non teño pensado tocalo, e seguramente a estas alturas estará máis morto có pelo dos oitenta, pero si que fixen unhas pequenas probas contra a intelixencia artificial. Conseguín a vitoria até no nivel máis complicado sen sequera comprender moitas das unidades que se atopaban no cambo de batalla, polo que non me entraron ganas de aprender moito máis dos sistemas nin manexar as outras faccións cos seus diferentes líderes; sempre é unha mágoa neste tipo de xogos que teñen unha campaña cos “bos” e nos que moitas veces non se chegan a probar ben o resto de mecánicas e características.
A narrativa incluíu un pouco de todo e moitas figuras do metal recoñecíbeis. Salientarei o papel do protagonista coma “roadie” encargado de asegurarse de que todo saia ben durante un concerto, sempre agochado nas sombras para que o seu papel pase desapercibido e sexan as estrelas as que brillen. Ese tamén é a súa weltanschauung no mundo fantástico ao que é transportado, onde poderá aproveitar todo o seu ben facer e coñecemento para axudar na revolución contra os tiranos. Nada que lamentar neste aspecto inda que se vexa algo apurado segundo nos acercamos ao final. Se cadra o adxectivo de “apurado” é un bo resumo do xogo e da miña experiencia co mesmo.
- Tempo de xogo: 8 horas.
- Completado: 49%.
- Cancións desbloqueadas: 84/107.
- Distancia camiñada: 50km.
- Distancia voada: 72km.
- Distancia conducida: 83km.
- Esbirros esnaquizados: 673.