<<

Rhapsody: A Musical Adventure. Capítulo 2

Outra cousa de este xogo que me recorda dalgúns feitos co RPG Maker é a presenza de sistemas enxeñosos pero totalmente sobros. Eu, por exemplo, non merquei nada nas tendas nin empreguei ningún obxecto consumíbel, basicamente porque non facía falla para nada. Do mesmo modo o sistema de colección de marionetas non pega moito cun xogo tan curtiño, e moito menos cando algunhas non se poden recrutar até moi tarde e comezan no primeiro nivel, en clara desvantaxe contra as máis experienciadas do equipo. Supoño que ao ser tan curto o xogo, e carecer de contido máis aló do modo historia, están impulsando aos xogadores a darlle unha nova pasada a toda a historia, revivindo as conversas con ese punto de vista que só se pode acadar logo dos xiros argumentais finais, ao mesmo tempo que se explora profundamente todo o reino e os seus repetitivos alxubes.

Non foi unha sorpresa que Cornet liberase finalmente ao príncipe e casase con el (inda que eu agardaba por unha revelación persoal de que esa non era a súa auténtica felicidade), pero o da bebé xa foi novidade. Polo camiño hai esas viraxes da narrativa que mencionei antes e que resultan bastante interesantes, especialmente o referente á nai da protagonista e a Kururu, que provocan un troco no enfoque da narrativa. No capítulo anterior a historia era lixeira e desenfadada, co único obxectivo de conseguirlle unha cita a Cornet co príncipe. Pero no comezo deste segundo capítulo as cousas tornáronse máis complicadas: como primeira consecuencia de tentar salvar ao príncipe, Cornet destruíu dous dragóns, levando a miseria á aldea que protexían; un xiro que nunca aparecería no Monster Hunter que xoguei.

Dende ese momento o ton vólvese máis tráxico, e andei con pés de chumbo para non prexudicar máis do preciso aos habitantes desta terra. De algo serviu tanta cautela porque hai algunhas decisións que poderemos tomar para minimizar o sufrimento virtual sen limitar as opcións de completar o xogo con éxito. Non todo será tan bonito, e os propios protagonistas reflexionarán ao final se todo isto pagou a pena, mais a conclusión será que hai que mirar para diante e ser felices na medida do posíbel. E se a felicidade de Cornet depende de casarse e ter fillos co príncipe do reino de Marl pois que así sexa. Hai que recoñecer que, por moi egoístas que fosen os seus propósitos, nunca tivo mala intención nin merece nada malo.

As cancións e o humor mantiveron o seu encanto durante todo o xogo, até botei de menos que non houbese máis cancións co seu karaoke integrado. Suponse que foi deseñado para raparigas, coma unha introdución aos xogos de rol para un público que supostamente non estaba acostumado aos mesmos (inda que de seguro moitas levarían centos de horas nos Final Fantasy desta mesma Playstation e nos Pokémon da Game Boy), pero a realidade é que funciona ben para calquera demográfica que non teña problemas en explorar a orfandade e a procura da felicidade.

En resumo foi unha boa experiencia por moito que tendera cara o espectro doado da dificultade. A táctica de agardar a que cheguen os inimigos para sempre dar o primeiro golpe, combinada con cargar a maxia da protagonista para soltala nas loitas importantes, fixo que o modo “difícil” no que xoguei non fora máis ca un paseíño entre canción e canción. Totalmente recomendábel de calquera xeito.

  • Tempo de xogo: 8.5 horas.
  • Equipo titular: Cornet (36), Sharte (35), Kid (34), Chiba (28).
  • Inotium: 75552.