<<

Keep Talking and Nobody Explodes. O desactivador

Logo de ter o punto de vista dunha experta, agora falarei eu dende o meu rol de desactivador de bombas no Keep Talking and Nobody Explodes. O das habitacións de escape, xa sexan físicas ou virtuais, nunca foron o meu, pero neste caso o único que tiña que facer era describir o que vía e deixar que o meu equipo de dúas expertas solucionase os crebacabezas por min. Como non teño unhas gafas de realidade virtual para illarme no habitáculo virtual, e unha das expertas estaba na mesma habitación ca min, tiven que facer un esforzo para manter esa ilusión de illamento e non favorecer a comunicación local respecto da telefónica con Tania, a outra experta. Isto facíame evitar, por exemplo, calquera tipo de comunicación xestual.

Mais a miña idea de illarme totalmente da parte das expertas non chegou nin á terceira bomba. Tras cada módulo novo, logo de que a bomba estoupase por non decatarnos de que ía o tema, as expertas freaban un pouco para entender ben o problema sen limitacións de tempo, incluíndome nas deliberacións para decidir a mellor maneira de solucionar o enredo. Desta maneira decidíamos xuntos a mellor forma de comunicar as partes interesantes do módulo e a maneira de desactivalo. Manter a quimera de que era eu interpretaba un personaxe novo que non sabía nada de bombas cada vez que se espertaba ao carón dunha non só era imposíbel, senón que tamén totalmente contraproducente para o entretemento.

Bomba tras bomba, a medida que medraba a dificultade, tamén o facía a nosa habilidade como grupo para desactivar os módulos eficientemente. Recordoume a outros xogos cooperativos con comunicación limitada, como o Hanabi e todas as regras previas á partida que fomos desenvolvendo até conseguir a nosa primeira vitoria, algo seguramente digno da súa propia entrada nesta páxina. Despois de todo, por moito que eu nunca lle botara un ollo ao manual de desactivación, conseguín descifrar certas regras como que o Simón dependía do número de fallos e que as transformacións de colores non trocaban nos diferentes niveis. Pero ir un paso máis aló e aprenderme eu certos atallos non semellaba o correcto; había aí un muro transparente que tentábamos non atravesar.

Ao final rematamos á sección “desafiante” na nosa terceira sesión, logo de dedicarlle unha morea de intentos á última bomba, na que non tiñamos moito tempo para desactivar todos e cada un dos módulos coñecidos. Conseguímolo finalmente con algúns segundos de sobra e acordamos dar por rematado o xogo, polo menos até que podamos volver a xuntarnos fisicamente no mesmo lugar ou até que atopemos a outro desactivador de bombas novel porque, con permiso das miñas compañeiras, a estas alturas xa me podo considerar como o terceiro experto do grupo.