<<

Memories of a Vagabond

Artigo escrito en marzo de 2018, antes da fundación desta páxina, e publicado agora por mor do segundo aniversario da mesma.


Ao comezo atopámosnos cunha sinxela historia de amor que tórnase tráxica xa no mesmo prólogo, cando un demo moi malo (creo que o nome era algo así, en serio) lévase á muller que é o interese romántico do protagonista varón. A partir de ese punto empeza unha historia sen pés nin cabeza cunha cárcere dirixida por seres malignos (isto é o único que ten sentido) e unha muller camareira vestida de coella que permanece así aínda que perde o traballo moi cedo.

Resulta que o machismo é moi forte durante toda a historia. As cociñeiras, limpadoras, donas de casa, etc. son todas mulleres; mentres que os soldados, alcaldes, vendedores de armas, etc. son todos homes. Isto tamén se aplica aos membros protagonistas que podemos integrar no grupo: só hai unha muller (a “coella”) nos catro membros e é a que ten a maxia de “apoio”. O resto da narrativa tamén ten un gafume coma se o escritor fose un rapaz xove con pouco criterio que vai improvisando o guión a medida que desenvolve o xogo. Hai moitos elementos sen ningún sentido que avanzan a trama, dende viaxes no tempo ata a defensa dunha aldea nunha illa facendo un ataque noutro continente afastado. Todo isto mesturado con graciñas nada chistosas onde, quero destacar sen citar, aparece incluso mencións a certas pastillas de sildenafilo.

Nada novo tampouco no apartado da xogabilidade: os combates eran moi sinxelos en xeral e moitas das habilidades non tiñan moito sentido porque facían pouco máis dano ca os ataques normais pero cun custo en “maná” moi alto. O sistema de creación de obxectos é totalmente irrelevante para un xogo de dúas horas e media. E a única novidade interesante é que cando morre o personaxe principal pode cambiar de clase para enfocar o seguinte intento de outra maneira. Pero aínda así, eu nunca cambiei de clase por preguiza de aprender como funcionaría a nova.

En resumo é un xogo moi malo, infantil no mal sentido do termo e para nada recomendábel porque non penso que teña ningún valor redimíbel en ningún dos seus asuntos. O mellor, a música.