Especial segundo aniversario e primeiros premios Xogón

Fai exactamente dous anos do 9 de maio de 2018, o día que botou a andar esta páxina. Non tiña máis esperanza ca ter os escritos sobre xogos que levaba un tempiño facendo nun lugar máis moderno e distribuído ca os meus caderniños físicos. Hoxe hai aquí máis de 100.000 palabras repartidas entre 160 artigos sobre 88 xogos diferentes , xa dá para un libro! Para celebralo, e de paso crear un colchonciño mentres xero contido novo, vou poñer durante as próximas semanas algúns deses escritos previos ao blogue. Inda non os revisei pero de seguro que serán máis cutres do habitual, o que supoño que será un bo síntoma.

Pero antes quero inaugurar os primeiros premios Xogón, outorgados en dúas categorías. Nesta primeira sección entran aqueles metapremios sobre a propia páxina e o seu contido. Imos aló:

  • Premio Louvre á entrada con máis visitas: Xogando ós birlos. Só. Con naipes. Non atopo nada concreto para saber porque ten tanto éxito relativo, mais gustaríame pensar que pode resultarlle servíbel a alguén.
  • Premio Non hai noite tan longa á entrada máis extensa: Final Fantasy I, capítulo 2. Cun total de máis de 1800 palabras é un bo representante deses longos artigos nos que intentaba explicar absolutamente todo o que pasaba en cada xogo.
  • Premio The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders From Mars ao mellor título: Jet Set Radio: soñando, soñando… e Jet Set Radio: …triunfei patinando. Un binomio que aproveita o gran título en España da película Ice Princess.
  • Premio Muhammad Ali ao mellor directo: Jotun: Valhalla Edition. Inda que no final houbese unha pequena controversia sobre se rematei irado ou non.
  • Premio Michael Robinson ao mellor comentarista: Miguel R. Fervenza. Realmente foi o único, mais iso non lle quita mérito nin razón, ao contrario!
  • Premio Simone Simons á mellor colaboradora: Tania por Keep Talking and Nobody Explodes. A experta. Non só conseguimos chegar lonxe no xogo senón que tamén escribiu o seu punto de vista para esta humilde páxina!
  • Premio Xogón ao maior xogón: Xogón. A verdade é que nin eu me creo que conseguise xogar e falar de tanto xogo en tan só dous anos (e por isto mesmo un candidato nunca debería ser tamén xurado!)

E agora a segunda categoría, a que reparte os premios aos diferentes xogos dependo das miñas experiencias persoais cos mesmos. Sen máis delonga:

  • Premio Rum & Bones á maior decepción: Crisis Core: Final Fantasy VII. Semellaba que o tiña todo para ser dos meus xogos favoritos, pero non poder saltar as cinemática matou todo o interese que tiña nel.
  • Premio Mestre Mateo á mellor arquitectura virtual: Monument Valley. Este é un dos casos no que a presunción xoga ao seu favor.
  • Premio Emma Goldman á mellor crítica social: Fortune-499. Certo é que limita o seu ataque ao escenario laboral, pero non por eso deixa de golpear a outras bandas coma o sexismo.
  • Premio Resines á mellor experiencia onírica: The Legend of Zelda: Link’s Awakening. Cando a xente xa comezaba a estar farta de tanto xogar ao Breath of the Wild, eu atopábame na illa Koholint descubrindo os seus segredos.
  • Premio Braid á mellor experiencia vinda do pasado: Ultima IV. Trinta e pico anos máis tarde, sen factor de nostalxia e inda é capaz de deixar boas memorias; é unha mágoa que o deixase a medias.
  • Premio Xogón de carballo ao mellor xogo de mesa: O señor dos aneis LCG. Non o descubrín nestes dous anos pero aguanta forte coma o meu xogo de mesa favorito.
  • Premio Xogón de bytes ao mellor xogo dixital: Slay the Spire. Agardaba moito deste xogo e atopeime cunha experiencia moito mellor.

6 pensamentos sobre “Especial segundo aniversario e primeiros premios Xogón”

  1. Parabéns atrasados polo segundo aniversario. Estache a quedar un diario de xogo moi completo.

    Dedícolle este premio a todos os que dicían que non ía chegar a nada na vida, até este momento ían ben encamiñados. Tentarei defender o galardón neste terceiro ano do sitio, espero que haxa máis competencia.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.