<<

Unchained Blades. Capítulo 3, o mensaxeiro do inferno

Novo capítulo deste Unchained Blades e novo reinicio dos personaxes xogábeis para volver a comezar de cero sen obxectos, cartos nin puntos de experiencia. Neste caso a principal novidade consiste en que só temos un personaxe no grupo, polo que as loitas recordan a clásicos como o primeiro Ultima ou ao Dragon Quest, cun pouco máis de profundidade, pero non moita. Pola súa parte, o novo alxube-titán-elefante introduce un novo tipo de terreo pezoñento, que tan só fai un punto de dano ao protagonista cando o pisa, pero ese dano multiplícase por moito a partir da cuarta casa con esta propiedade pisada consecutivamente. Cando explicaron o sistema ao comezo do capítulo pareceume entender que esa cuarta casa causa a morte instantánea, e non coñecín a verdade até que non din un pasiño errado pero non foi fatal.

Unha vez que descubrín ese feito conseguín explorar toda a área accesíbel neste capítulo aproveitando algunhas características das mecánicas involucradas. A primeira era que os velenos, incluíndo os do chan, non causan a morte, polo que é posíbel pasar por riba de todos sen rematar a partida. A segunda era que non comezan as loitas ao chou namentres camiñemos por esas casas especiais. E a terceira, e tamén a máis tramposa, era que cargar unha partida gardada reinicia o contador interno de pasos para xerar os encontros ao chou. Por tanto, combinando estas tres cousiñas fun capaz de percorrer todas as áreas sen risco e volver a un campamento ou cristal curador para restaurar toda a vida de Ludrio, o meu solitario protagonista deste capítulo.

Porque o de ter un único individuo no grupo foi o que realmente marcou o transcorrer do episodio. Todas as loitas baséanse máis na forza bruta e non hai marxe para encaixar un mal golpe. Desta vez si que o videoxogo puxo a proba a miña paciencia e até diría que foi unha decisión de deseño totalmente consciente para ver se podían forzar tanto e inda así ter xogadores masoquistas que sigan adiante. E abofé que eu continuei, por moito que tivese que volver a curarme logo de cada combate superado e que non foran poucas as veces que vin a animación de xogo rematado. Debido a tanto cargar a partida, o tempo de xogo rexistrado e o real terán máis discrepancia que normalmente, inda que este capítulo rematou antes do que agardaba polo que non se me foi tanto de man.

Asenteime na quinta planta do alxube e comecei a gañar puntos de experiencia dunha maneira lenta e penosa. Por sorte descubrín dúas baldosas nas que sempre aparecía un inimigo poderosísimo, capaz de matar a Ludrio nunha única quenda e contra o que os ataques do guerreiro non facían case nada. Afortunadamente, a primeira habilidade de burst de Ludrio pode causarlle a morte instantánea a calquera inimigo, incluso a este estraño cabalo. Dende ese momento o meu plan trocou a dar un paseo loitando contra inimigos comúns até recargar a barriña do ataque especial. Nese momento gardaba a partida, forzaba unha loita contra o equino e cruzaba os dedos para que non me esnaquizase na primeira quenda. Se todo saía ben, gañaba un lote de experiencia curioso. Repetín isto mesmo unhas poucas veces até o nivel dezasete e avancei cara o seguinte desafío.

A última loita do capítulo era contra seis inimigos comúns, non especialmente perigosos pero os números xogaban ao seu favor até que probei logo de adestrar tanto (a falta dun termo que capte mellor o concepto de grind). Como xa dixen, non contaba con que fora o último encontro do capítulo, polo que forcei aforrando os puntos de maxia e os obxectos consumíbeis. Saíume ben á primeira e, cunha animación sanguenta que non pinta ben para Ludrio, chegou o final desta terceira parte. Quero crer que xa pasei o máis duro do videoxogo, pero xa veremos o que me deparará. Eu non freo!

  • Tempo de xogo: 21 horas.
  • Personaxes manexados: 8.
  • Personaxes femininos: 5.