Shining in the Darkness. Capítulo 3

Ao final fíxoseme ben longo o de agardar a rematar o xogo para escribir aquí. Acertei no de que habería catro niveis no alxube final, mais non se me ocorreu (inocente que son eu) que podían tender tanto á tradición univiaria, no lugar de ofrecer moitos cruces e camiños falsos para confundirnos. Desta maneira a dificultade trocou de ter que orientarse ben polos corredores (non moi complicado grazas aos mapas que ía trazando) a ter que empregar ben os recursos para sobrevivir a tanto monstro agresivo. Diría que este cambio comezou a ser máis notable precisamente a partir da Cova da Sabedoría, que quizais podería chamarse Cova do Coñecemento con algo máis de propiedade.

Esta cova está dividida en varias áreas que hai que percorrer secuencialmente, a miúdo con buratos agochados no chan que, na práctica e logo de percorrer un pequeno camiño no nivel inferior, devólvenos ao comezo da área en cuestión, pero agora temos o coñecemento de onde non pisar na seguinte pasada (se empregamos ben esa información xa é outra cousa). Nun par de zonas particulares podémonos guiar por uns anacos de mapas que se atopan preto das súas entradas e que amosan a distribución das mesmas e as posicións dos buratos ocultos. Seguramente levoume case o mesmo tempo transcribir eses mapas ca o que tardaría en facelo polo método clásico. Poucos máis escollos houbo logo de percorrer esas áreas e terminar de cartografiar o resto do nivel, agás parte do nivel inferior que non considerei importante. Espero non terme perdido moito contido interesante.

Tras superar os catro desafíos xa podemos acceder ao segundo nivel do labirinto principal, comezo e final desta aventura. Pero antes de empezar con esta última etapa tamén gañamos acceso ao novo mercader da aldea que é capaz de fabricarnos armas e armaduras a medida co mineral de mitril que apañemos, ademais dun obxecto maldito cun bloque escuro. Empreguei ambos materias para cubrir as áreas máis febles do meu grupo cun éxito variado, xa que non é posible saber o resultado até despois de confirmar o encargo e probar a peza de equipamento, que quizais non sexa tan poderosa coma poderíamos imaxinar. Ou, no caso da arma maldita que mandei facer para Milo, o seu efecto negativo de golpear a un aliado sobrepasa por moito o positivo de incrementar o dano feito aos inimigos.

Outro obxecto que tamén teremos que no noso limitado inventario é un medallón que nos axudará a ascender no labirinto. Cunha metade do mesmo poderemos crear un punto de teletransporte nas fontes (que eu pensaba que eran tullas) douradas, empregando a maxia da outra metade para volver até ese punto. A gracia é que para trocar ese punto base hai que recuperar a primeira metade e percorrer o camiño até a seguinte fonte dourada sen esa rede de seguridade, polo que teremos que decidir o momento axeitado para movelo, minimizando o risco de ter que comezar dende o principio. Así avanzaremos até loitar contra o corrompido pai do protagonista, Mortred, e salvar á princesa Jessa. Nese momento completaremos a trama principal do xogo, pero inda teremos que batallar contra Dark Sol (non confundir con Darksol, do Shining Force) e erradicar o seu mal dunha vez por todas.

Eu fun directo a por el e derrotoume sen miramentos. Decidín entón percorrer os camiños até entón pechados do alxube final e obter a equipa lendaria para o protagonista, pero inda así caín contra o xefe final por vez segunda. Volvín polo castelo para atopar algún tipo de pista e saín de aí cunhas bágoas da princesa que empregaría no derradeiro andar para converterme no Cabaleiro Brillante e, agora si, vencer a Dark Sol e traer a paz ao reino. Gustoume o momento da vitoria cando se abre o plano e contrasta coa opresión até entón constante do alxube; algo que tamén sucedeu nunhas transicións dentro dos andares do labirinto final nas que nos asomamos ao ceo aberto brevemente antes de necesariamente volver ao angosto interior. Lembroume á película esa da nai gravada en plano cadrado. Polo de pronto eu gozarei dese ceo aberto e poñerei unha pausa a tanta exploración de alxubes.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.