<<

Frog Fractions e receita de plum cake de noces

Unha mañá non tiña na mellor que facer (ou, se cadra, si; o de mellor éche moi relativo) e apuntei o navegador cara o Frog Fractions. O pouco que sabía dese xogo é que era moi sorprendente, polo que semellaba boa idea xogalo sen ler nada máis del; despois de todo só dura coma unha hora. Agardaba que, polo menos, comezase coma un xogo máis educativo, pero as fraccións son totalmente de adorno. Mais tras o primeiro nivel de capturar bechos xa vemos que hai moito máis no xogo que o de papar moscas porque o listado de melloras é bastante curioso. Confesarei que me sentín gratamente sorprendido cando collemos o dragón e escachamos o primeiro muro: é un gran momento ergueito tanto nas mecánicas do xogo coma no que realmente aconteceu na pantalla anteriormente. Eu xa estaba pensando en todas as posibilidades que podería haber cando comeza a ascensión e o xogo amosa as súas verdadeiras cores camaleónicas. Non digo que non resultase interesante, pero xa era un pouco máis automático, agás na parte textual, seguramente das máis interesantes.

Outro tema é o Frog Fractions 2, con toda a busca de pistas espalladas polos diversos xogos. Ese é verdadeiramente interesante e sorprendente, como mínimo dende o punto de vista de espectador unha vez que rematou todo. Como sorprendente tamén é (esta vez para mal) a regra do Señor dos aneis LCG que di que Gandalf non pode ser posto en xogo mediante Resistir e loitar. A suposta explicación é que o evento pode escoller a un aliado de calquera esfera de influencia, pero que Gandalf non pertence a ningunha por ser unha carta neutral. Non coa, Nate French. Claramente esa última frase era aclaratoria nos comezos do xogo para xustificar que unha carta de espírito trouxese aliados doutras esferas. Logo seguramente demostrouse que o de chamar a Gandalf era demasiado poderoso e de aí a regra oficial que agora aparece nos FAQs. Que non me parece mal, eh? É unicamente que ten unha redacción pésima que non vén a conto de nada.

Xa me esquecía! Eu quería falar da receita do plum cake de noces. Velaí vos vai. Primeiro os ingredientes que precisaredes e logo unha pequena recreación de como quedará, máis ou menos (teño o forno avariado asi que non podo facer sobremesas que sexan moi esixentes co de manter unha temperatura estable; quentar quenta demasiado, por iso as noces están moi torradas no debuxo). Pois iso, os ingredientes:

  • 200g de manteiga
  • 300g de azucre
  • 200g de fariña
  • 150g de noces
  • 4 ovos
  • 1 culleradiña de lévedo en po
  • 2 chiscas de sal

Nun recipiente fondo mestúrase a manteiga amolecida e o azucre, cunha espátula de madeira ou un batedor de varas. Cando a pasta atópese escumosa, incorpóranse un a un os ovos con pequenas porcións de fariña até botar os 200 gramos. Seguidamente, e sen deixar de remexer, engádense a sal, as noces picadas e o lévedo mesturado coa fariña. Hai que remover a masa até ficar homoxénea. Esta manipulación é importante para que a sobremesa saia ben.

Úntase un molde con manteiga e espállese fariña. Vértese a mestura nel e métese ao forno durante unha hora a 180ºC. Antes de sacar o plum cake do forno, pínchase cunha variña. Se sae limpa, a torta está no seu punto. O molde ideal para confeccionala é aquel no que a pasta ocupe tres centímetros de altura. Despois de enfornalo subirá outro tanto.