Transistor

Do Bastion recordo que había varias armas, unhas mecánicas de acción-rol, varios finais e un narrador que acompaña durante toda a aventura. E o narrador é o primeiro que chama a atención neste Transistor, xa que o actor de voz repite protagonismo vocal neste novo xogo dos desenvolvedores do Bastion. Para min cumpre ben a súa función de facer de guía e acompañante misterioso, mais non é unha opción unánime nin na miña propia casa, xa que hai quen pensa que ten unha voz sucia e non lle recomendaría a ninguén ficar a soas co seu dono. Pola súa banda, a Red, a verdadeira protagonista que manexaremos, nada lle prestaría máis ca poder tocar o corpo vivo desa vez, pero iso xa é imposíbel dende os primeiros compases.

Xa vai boa dende que experimentei ese comezo do videoxogo, e tamén me perdín ou esquecín detalles, pero basicamente Red perdeu a voz nun intento de asasinato do que consigue fuxir. Dende se momento, e coa axuda do Transistor que lle servirá de arma, terá que defenderse constantemente dos ataques do Proceso, ao mesmo tempo que intenta comprender todo o que pasa e está a pasar na cidade virtual, até ese momento idílica, de Cloudbank. A investigación dará os seus froitos e conseguirá achegarse aos responsables, coa sorpresa engadida de que tan só un dos mesmos atópase vivo, algo que se pode arranxar. No epílogo, Red herda a tarefa de reconstruír o mundo virtual devastado, coa compaña do Transistor pero sendo a única persoa viva do mesmo. Algo que se pode arranxar.

Todo iso tenme certo sentido agora, pero a verdade é que, coma sempre, xoguei a todo filispín e non sempre fun capaz de procesar totalmente a trama. Hai moita información sobre o universo espallada por todos lados que nin procurei nin evitei, e as miñas teorías sobre os sucesos non encaixaron en ningún momento, pero non por elo deixou de ser envolvedor. Era un entretemento máis que sucedía entre unha pelexa e a seguinte na parte de acción/táctica. Esas seccións discretas aparecen mentres nos movemos polo mundo e non permiten avanzar até que sexan superadas, sendo seguramente a maior parte do tempo que pasei con este xogo, que tampouco foi moito xa que non cheguei ás tres horas e medias.

A graza dos combates é que semellan ser en tempo real, ao estilo do Bastion, pero podemos premer unha tecla para deter o tempo e introducir secuencias de movementos e ataques. Unha vez confirmada a secuencia, Re executará a mesma a toda velocidade, antes de volver ao tempo real e atoparse de novo vulnerábel até que poda repetir o procedemento. Como podemos equipar un total de catro ataques para cada encontro, teremos certa variabilidade táctica para aplicar neses momentos de planificación, pero na práctica eu empregaba máis que nada un ataque corpo a corpo repetidamente até que o obxectivo principal rematara finado, con algúns a distancia cando eran precisos e unha habilidade de salto para colocarme no lugar axeitado ou esquivar ataques dos robots inimigos.

Existen múltiples programas que podemos equipar como ataques, pero cada un tamén pode ser empregado como habilidade pasiva ou como modificador para outros ataques. Isto xa daría para experimentar bastante, pero o deseño tamén obriga a facelo, xa que cada vez que os inimigos golpean a Red abondo para diminuír a súa barra de vida, un programa desactivarase nesa e nas próximas loitas. No meu caso, iso non sucedeu máis que cinco ou seis veces, polo que tampouco saín moito da miña zona de confort. En xeral, non sufrín máis ca coa última pelexa, que ten unha mecánica un pouco diferente do resto, e nunca cheguei a unha pantalla de “xogo rematado”. Ao final dan a opción de facer unha recursión e volver a comezar a historia, pero a min ben me chegou cunha única e rápida pasada, até deixei sen face todos eses desafíos opcionais da sala de descanso. Xa estou listo para o Pyre; o Hades é moi moderno é terá que madurar uns aniños.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.