Castlevania: Aria of Sorrow

Con este Aria of Sorrow poño punto final á triloxía de Castlevanias da Game Boy Advance, os que serviron coma continuación do clásico Symphony of the Night. Inda que xa xogara e rematara os catro no pasado, diría que nunca me decatei do formulaico dos nomes; se algún día hai unha versión galega eu propoño un Castlevania: Muiñeira of Pain reconvertendo a Lexión na Santa Compaña. Pero este xogo sucede moi lonxe da miña terra e nun tempo que inda non chegou: o Xapón de 2035, o día dun eclipse solar. Manexaremos a Soma Cruz, un rapaz de dezaoito anos co pelo branco, cando é transportado ao castelo de Drácula, situado precisamente no eclipse. Alí atoparase cuns poucos humanos, todos moi misteriosos, e moitos monstros, todos cunha esperanza de vida dunha ducia de segundos como moito.

Soma comezará loitando máis que nada para protexer e salvar á súa amiga, cuxo rol nesta aventura é precisamente ser feble e non molestar aos homes. Polo camiño aprenderá que pode comandar as almas dos monstros que asasina, o que se integra co interesante sistema de habilidades, xa que poderemos escoller un alma para lanzar disparos, outra para efectos pasivos e unha última para efectos “gardiáns” que consumen enerxía mentres estean activos. Esa enerxía restáurase nas salas de gardado e tamén cos clásicos corazóns que aparecen ao romper o mobiliario do castelo. Estas dúas cousas xuntas resolven as miñas queixas das precuelas, onde conseguir os corazóns que serven de munición á arma secundaria, que tamén hai que atopar perdendo a anterior, era moi pouco interesante. A verdade é que nunca xoguei a Castlevanias bidimensionais máis modernos ca este, polo que non sei se continuaron por estes lares inda que supoño que si, porque é unha boa evolución e ben lóxica.

O malo é que repite o problema da baixa dificultade do Harmony of Dissonance. Neste caso só tiven problemas contra a Morte e contra un xigante, pero en boa parte porque nas primeiras veces non tirei tanto de pocións coma precisaba, e iso que se venden baratas nunha localización moi recoñecíbel e accesíbel de man dun exmilitar. Pero dende ese momento non volvín a ter problemas e, de feito, obtiven o final normal sen case contar con el. Desta vez ficaban claros os requisitos para acceder ao verdadeiro final, xa que tiña os obxectos de pistas que referenciaban dúas almas de monstros en particular. O único que faltaba por facer era explorar o resto do castelo até atopar a outra pista. Desta vez non había máis truco que empregar unha alma en particular para cruzar unha cascada, pero hai unha boa indicación en forma de icona do inimigo correspondente. Só foi cousa de granxear á vítima e logo facer o mesmo cos inimigos mencionados nas pistas.

Cunha arma máis potente, e as almas requiridas tamén equipadas, volvín a vencer ao falso inimigo final, desta vez sen precisar obxectos do inventario. En lugar dos créditos, agora obtiven unha nova alma para percorrer a fume de carozo o castelo e unha nova zona con novos desafíos. Na narrativa, Soma acepta ser o herdeiro do poder de Drácula pero rexeita converterse nunha forza a prol da maldade. Todo culmina na loita máis caótica das que lembro da saga, na que me asentei nun recunchiño golpeando coa espada, coa alma da morte lanzando fouciños e pausando de cando en vez para tragar unha poción. Non recibín pouco dano, pero o desafío foi moi baixo e inda menos interesante. Unha última pelexa decepcionante para o xogo que tiña todo para ser o mellor da triloxía. Agora estou dubidoso se tal título debería darllo a este ou ao Circle. De seguro que non ao intermedio.

Logo dos créditos podemos comezar de novo nun modo difícil. Eu escollín a opción dunha nova partida nese modo pero conservando os obxectos e a meirande parte das almas (exclúense aquelas que permiten o acceso a novas zonas). Xoguei durante un anaquiño correndo de aquí para aló e dando unha conta rápida de todo monstro que atopei por diante, xa que o posíbel incremento de puntos de vida dos inimigos é moito menor ca o incremento de poder de ataque do protagonista coa súa enorme espada. Case mellor que poño o punto aquí, a ver se algún día me gradúo á DS para continuar coa saga.

  • Tempo de xogo: 5.5 horas.
  • Nivel de Soma: 47.
  • Porcentaxe completado: 99.1%.
  • Almas adquiridas: 44.7%.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.