Class of Heroes 2. Capítulo 1

Logo do inesperado acerto persoal, con todas as súas fallas, que foi o Unchained Blades, fiquei con máis ganas dun videoxogo moderno do mesmo estilo. Calquera procura centrada en consolas portátiles sempre remata nunha mención á saga Etrian Odyssey, o cal non me serve polo de agora porque non inda teño acceso a unha Nintendo DS. Desta vez tereime que conformar con este Class of Heroes 2, que non obtivo moi boas críticas, pero semella ser algo habitual no xénero e non me vai botar cara atrás. Decidín comezar pola segunda parte por ser a máis recente da PSP e mellorar algunhas mecánicas respecto á versión orixinal. Non lin nada máis aló de que segue os estilos do Wizardy, que nunca probei, e que suceden nunha escola de aventureiros de fantasía, con varias razas e clases.

Antes de comezar en serio coa aventura lin o manual oficial. Sabendo que o grupo está conformado por seis personaxes, e que hai un atributo de afinidade para cada un que depende das relacións entre as súas razas e aliñamentos, collín un caderno co obxectivo de facer un sexteto equilibrado e con boa disposición interna. Para isto último os gnomos eran unha peza importante, xa que moitas razas gustan moitísimo deles, e comezando por unha bahamuna con aspiración de cabaleira-dragón tiña as opcións algo limitadas. Ao final apañei o sudoku, facendo algunhas concesións en prol da diversidade racial pero repetindo dúas gnomas. A miña sorpresa foi cando, xa arrancado o videoxogo, non fun capaz de crear unha gnoma feiticeira! Resulta que, inda que o manual non o comenta, existen restricións de combinacións entre raza e clase. Pois moi ben.

Tiven que volver, por tanto, ao caderno para proxectar un novo equipo, esta vez cunha guía non oficial aberta no móbil para coñecer esas restricións tan importantes. Fixen algúns trocos no meu plan orixinal, quitando a segunda gnoma a cambio dunha segunda anana, trocando algunhas clases polo medio. Obviamente non estaba tan contento con esta nova distribución, pero é o que hai. Seguindo os consellos do manual, escollín unha clase básica para comezar a carreira de cada aventureira do grupo; agás a celestial, que a puxen a traballar directamente de idol, a barda deste universo, equipada con micrófonos no lugar de arpas ou laúdes. Logo de media hora de xogo, e outro tanto de planificación adicional, as alumnas atopábanse listas para comezar o primeiro curso.

A seguinte hora pasou lentamente namentres me afacía a todos os sistemas e mecánicas. Non axudaba que non tivese cartos abondo para mercar armas inicias para o grupo, e os inimigos poucos cartos daban. Logo dun par de incursións, unha das membros da liña de atrás caeu incapacitada, e a factura da clínica foi tan elevada que fiquei con menos cartos ca cando iniciei o videoxogo! Mantiven a mesma estratexia un pouco máis até que caín na conta de que estaba a facer algo mal. Non entendía que non houbese unha maneira barata e doada de curar as protagonistas no campus. Todo encaixou cando aprendín que os feiticeiros aprenden a maxia de sandar no primeiro nivel. Troquei a idol por unha nova feiticeira da mesma raza e xa puiden curar todo que podía desexar no campus, e de balde!

Dende ese momento todo foi moito máis fluído. A feiticeira foi aprendendo outras maxias interesantes coma facer un mapa ou levitar, e eu fun comprendendo mellor as diversas mecánicas. Con todo iso, conseguín completar o primeiro conxunto de buscas, explorando totalmente os mapas polos que pasei. Puxen aí o freo nesa parte máis interesante e investiguei un pouco o sistema de alquimia, máis que nada para darlle saída á gran cantidade de obxectos que tiña no inventario. Non saquei nada moi útil, pero gardei a meirande parte dos compoñentes no almacén para máis adiante. Polo que sexa, un deles está valorado en máis de mil pezas de ouro cando os outros non chegan a dez.

  • Tempo de xogo: 3.5 horas.
  • Buscas completadas: 7%.
  • Mapa explorado: 4.13%.
  • Obxectos atopados: 3.02%.
  • Nivel máis alto: 6.
  • Mortes causadas pola bahamuna: 144.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.