<<

Etrian Odyssey

Sempre pensei que, máis cedo ou máis tarde, ía ser o flamante posuidor dunha Nintendo DS. Normalmente tiña abondo coa PSP, pero o catálogo da competencia semellaba moito máis amplo e variado. Tiven unha emprestada durante un mes coa que xoguei a algún Profesor Layton, Ace Attorney e Shin Megami Tensei: Devil Survivor, pero entre unhas cousas e outras non me centrei en ningún e o meu tempo con ela acabou algo desperdiciado. Dende entón, agardei por ese momento no que tería nas miñas mans a miña propia DS, pero xuntáronse que achei máis e máis xogos interesantes para a PSP e que entrei nunha espiral anticonsumista da que inda non saín. Desta vez mirei no meu interior, rendinme e busquei un emulador para darlle un tento a saga Etrian Odyssey que quería probar dende hai tanto tempo.

Prometen unha experiencia semellante ós Wizardry, pero menos cruel e máis modernizada. Unha das características máis rechamantes é que emprega a segunda pantalla co lapis para que o xogador faga o seu mapa a medida que percorre os alxubes. No emulado, sen pantalla táctil, non funciona tan ben, pero apetecíame abondo darlle un tento a estes videoxogos polo que terei que acostumarme. Tampouco é unha experiencia cartográfica totalmente libre, coma a que tiven no Shining in the Darkness, senón que hai uns símbolos contados que podemos asignar ás diferentes posicións. Por outra banda, non permite gardar partida dentro dos alxubes, coma si pasaba no Class of Heroes 2, sendo esa unha das cousas que menos me convencía de todo o deseño, xunto coa morte permanente das personaxes. De feito, decidín xogar este Etrian logo de darlle moitas voltas a se querería volver ó Class con algunhas restricións autoimpostas.

Unha vez chegamos á vila de Etria non hai moito preámbulo. Temos que crear un gremio, recrutar membros e ir percorrer o primeiro andar do labirinto. O meu gremio tivo o orixinal nome de Gremio e o equipo titular foi composto por unha supervivente, unha cazadora escura e unha espadachina (ou o que sexa unha landsknecht) na fila de diante, e unha alquimista e unha médico na fila de atrás. Esquecinme de mercar equipo inicial coas 1000 primeiras moedas polo que a primeira incursión para cumprir a misión de cartografar viu caer algunhas aliadas e tiven que volver a Etria. A segunda foi algo mellor, con menos baixas, liquidando unhas toupas que golpeaban ben forte, e completando o mapa do subsector oeste. Aí, tras un tempo de xogo inferior a una hora, deixei a partida para outro día.

Mais o outro día decidín botarlle un ollo a como estaban distribuídos o resto de xogos da saga, porque non fixera moita investigación previa pola miña teima persoal de comezar sempre polos primeiros episodios. Foi entón cando vin que existían unhas reinterpretacións dos dous primeiros xogos, que semellaban ser máis recomendables polos afeccionados cás experiencias orixinais. Iso quizais non me botaría atrás de todo, pero cando lin que tamén corrixían algúns erros de mecánicas que non funcionaban e cousas similares, decidín que non pagaba a pena investir ducias de horas neste primeiro Etrian Odyssey. E, xa que teño o emulador listo, penso que saltarei directamente ó terceiro da saga para esa mesma consola.