<<

Bayonetta

Descubrín o Devil May Cry 3 nos meus tempos da Playstation 2, e converteuse nun dos meus videoxogos preferidos da época. Polo que sexa, nunca xoguei os dous anteriores, e outros do mesmos estilo nunca me volveron a causar a mesma impresión. Máis recentemente, xa no ordenador, tentei recuperar a experiencia co Darksiders e co propio DmC: Devil May Cry, pero ningún pasou dos primeiros compases. Coido que do primeiro non me chamou a atención case nada, mentres que o segundo tiña moita complexidade nos controis como para continuar logo dun par de semanas de pausa. Non descarto volver a calquera deses noutro momento, pero o que máis me chamou hai tres meses foi este Bayonetta.

O comezo é moi prometedor, cunha escena que nos amosa a protagonista empregando todo o seu enxeño e brutalidade para esnaquizar, de varias maneiras diferentes, a un feixe de seres anxelicais. A estas alturas descoñecemos por que lle teñen tanta teima a esta muller con pistolas nos zapatos, pero tomaremos o control para continuar co xenocidio divino mentres aprendemos os controis básicos. Entre os mesmos destaca o de esquivar: premendo un único botón Bayonetta fará unha cambadela obtendo invulnerabilidade os ataques inimigos, reposicionándose e, se foi ben medida, activando o “tempo bruxa”, un momento no que todo fica parado e podemos aproveitar para facer dano impunemente ou chegar a certos puntos en certos versos de plataformeo.

Esas partes de brincos, pequenos crebacabezas espaciais e exploración non son moito do meu agrado. Non me gusta vadiar polo escenarios na procura de pequenas melloras, inda que entendo ben a súa inclusión e que haxa xogadoras que gocen con iso. Mais onde penso que podemos estar máis de acordo é nos capítulos da moto. Trátanse dunhas escenas demasiado longas e caóticas nas que non fica moi claro o que hai que facer; menos mal que non son nada complicadas! Outra mención especial vai para esa parte que se converte nun matamarciáns ao estilo do Starwing, que é lixeiramente máis xogábel ca a outra parte pero na que tiven que repetir un bo anaco do percorrido por perder de maneira parva contra o xefe final da fase.

Por tanto, as miñas partes preferidas non podían ser outras ca as de acción non adulterada. Moitas delas están conectadas directamente coa cinemática previa, polo que teremos que estar atentos para tomar o mando de súpeto e comezar a esquivar os ataques inimigos, xa que a nosa ofensiva sempre pode agardar un par de segundos. Eu non cheguei a experimentar con todas as combinacións de armas e nin sequera dominei as espadas e garras que equipei á protagonista para a meirande parte dos actos. Tamén deixei de lado as pocións dun único uso, agás na loita final, onde empreguei unhas poucos logo dunha morea de fracasos. Porque o xogo non é nada sinxelo na dificultade media, e non me sorprendería confirmar que perdín vidas en todos os capítulos máis aló do inicial. Non está mal para un deseño cun botón de esquivar tan poderoso.

Entre morte e morte avanzaba a historia, a miúdo interrompendo con longas cinemáticas ou exposicións que freaban o ritmo. Non foi un argumento salientábel máis aló de toda a mitoloxía do fondo, e agradecería menos contos e máis acción interactiva: está ben o de ver a protagonista loitando axilmente contra os anxelicais, pero é moito mellor o de participar directamente. Con todo, foron unhas once horas agradábeis repartidas nuns tres meses reais, e non me importaría darme un pequeno paseo adicional polos primeiros capítulos outra vez, aproveitando para explorar máis as mecánicas de combate e conseguir algúns acadamentos opcionais. Ou polo menos ese pode ser un dos plans, pero vendo que cada vez xogo menos no sobremesa terei que pensar ben a que dedicar ese escaso tempo, xa que tamén teño algúns outros interesantes coma o Hades, ou o Darkest Dungeon, ou…