<<

Shin Megami Tensei: Persona 3 Portable. Capítulo 2

Inda que escribín na anterior entrada que estaba contento con como estaba a resultar esta versión do Persona 3, pasaron case tres meses dende entón. Non sei en que momento puxen o freo, pero si que lembro a preguiza de ver a icona na PSP e non ter ganas de adicarlle máis tempo. E iso que, nese intres, o único que tiña que facer era continuar no día a día do meu avatar feminino, sen precisar ter que tomar decisións profundas máis aló de con quen saír ou quedar polas tardes. Seguramente axudaba que xa non recordara cousas como que os sábados hai clase ou que o club de voleibol reúnese todos os luns, mércores e venres. Sen información coma esa na cabeza, era máis complicado establecer un plan axeitado para cada día, por moito que non estea entre os meus obxectivos o de maximizar todos os vínculos sociais.

Na vida real non cancelo un plan previo se aparece outro novo con outra xente, polo que vexo lóxico facer o mesmo dentro deste videoxogo. Intento asistir aos adestramentos de voleibol sempre que podo, aproveitando que tamén simpatizo coa capitá, inda que a nosa cita fóra da escola non resultase moi satisfactoria para ela. Por outra banda, alén do instituto, avancei na relación cunha parella de anciáns que rexentan unha pequena libraría nun dos centros comerciais da cidade. Teñen unha historia tráxica relacionada coa morte do seu fillo, polo que non me sabe de todo ben deixar de visitalos, xa que é unha pequena alegría para eles neses días. Dito fillo ten unha relación coa árbore do instituto que hai nun patio, algo que terei que investigar e moverme para protexelo nun futuro. Non sei que haberá que facer para conseguilo, pero xusto as reunións do consello de estudos coinciden en días e horas coas prácticas deportivas que xa me comprometera…

O que saquei de beneficio mecánico de todo iso foron catro ou cinco rangos nas cartas do hierofanta e do carro. Até onde eu sei agora mesmo, eses rangos só outorgan un beneficio en forma de puntos de experiencia adicionais cando creamos unha nova persona a través doutras dúas ou tres. Aproveitei esta funcionalidade bastante durante a miña última incursión, para crear unha pequena colección (atópase limitada a oito personas polo de agora) e facer que a protagonista teña ferramentas para enfrontarse a inimigos dos diferentes tipos. Porque dáse o caso de que ela é a única que abrangue múltiples personas no seu corazón, podendo trocar dunha a outra incluso dentro dos propias quendas de combate.

Desta maneira podía aproveitar ben as debilidades dos opoñentes, algo importantísimo para resolvelos o antes posíbel e obter as recompensas. Estas aparecen para ser escollidas a través duns minixogos nada complicados que precisan un chisquiño de atención. Na última incursión no alxube principal que fixen, obtiven unha gran morea destas recompensas nas innumerábeis batallas superadas. Utilicei a apertura da segunda zona do alxube cunha noite na que Junpei Iori non se atopaba especialmente ben. Levoume máis de catro horas rexistradas chegar até a seguinte barreira, con varias loitas perdidas polo camiño. Algunhas desas remataron necesariamente na pantalla de xogo terminado e tendo que cargar un punto de gardado anterior. Outras foron máis ben unhas vitorias pírricas, xa que a pobre Yukari Takeba caeu varias veces. A primeira vez empreguei un obxecto para resucitala, pero a segunda viaxei á zona inicial para pagarlle ao reloxo máxico para que a sandase. Non foi a mellor das decisións, porque, dende ese momento, Yukari ficou cansa, recibindo moito máis dano dos inimigos e, por tanto, “morrendo” máis veces.

Decidín continuar a ascensión coa compañeira cansa, inda que fose máis penosa. Nesta edición a protagonista non sofre de canseira durante a propia incursión, polo que puiden botar todas esas horas con calma sen obter ningún estado negativo adicional. Acumulei bastantes cartos, obxectos, personas e experiencia de tanto percorrer os corredores aleatorios do gran alxube. Chegou un momento que xa semellaba máis ca abondo e evitei todas as loitas adicionais até que accedín á última planta aberta. Se cadra, pensando nunha eficiencia temporal, debería ter feito iso mesmo moito antes, pero recoñecerei que o mazmorreo puro e duro resultoume entretido, e tamén o de combinar os diferentes pokémons para obter outros novos.

Agora diría que xa superei esa preguiza inicial e que non tomarei un novo descanso tan longo. Tamén é certo que non apareceron liñas románticas que non me interesen nin ningunha outra escena que estea fóra de lugar. Outro tema é o arte das personaxes femininas, especialmente todas esas personas cunha carencia esaxerada de roupa. E case mellor non falo do “bikini” que atopei para Yukari, que lle aumenta a maxia e a defensa ao mesmo tempo que amosa carne.

  • Tempo de xogo: 10 horas.
  • Día actual: 13 de maio de 2009.
  • Nivel: 13.