Hades. Capítulo 1
Perséfone é unha das miñas personaxes mitolóxicas secundarias favoritas. Confesarei que ese favoritismo comezou por algunhas cancións e porque me gusta a sonoridade do seu nome. Per-sé-fo-ne: os beizos emprenden unha viaxe de catro etapas, etc. Non obstante, tampouco son moi lido na materia e o meu coñecemento limítase aos trazos xerais e ás interpretacións máis obvias da historia principal desta tráxica muller. O que descoñecía totalmente era que tivo un fillo, de nome Zagreo, e a historia desa concepción. Por desgraza, aprendín iso ao tempo que comezaba a miña épica particular no Hades, un agasallo dun mecenas moi ben recibido logo da miña entrada sobre o Transistor. Quen o diría!
A primeira impresión foi, precisamente, que se trataba dunha evolución dese Transistor (do Pyre non sei nada) mesturado co Dead Cells, un xogo que non me convencera. Máis aló do diferente estilo de movemento e combate, este último e o Hades comparten esa reinterpretación do xénero roguelite de acción con melloras persistentes, pero neses aspectos este Hades diría que é moito mellor. No comezo, as diferentes moedas resultan confusas, por moito que tan só un tipo poda ser empregado dentro dun intento de fuga. O resto pódense gastar na base inicial, mercando melloras que nos axudarán en vindeiras escapadas. E velaí unha das miñas principais críticas ao deseño: os compases iniciais empaquetan unha morea de melloras que me levaban a pensar que estaba comezando polo modo máis complicado.
Desta maneira fun progresando pouco a pouco, chegando cada vez máis lonxe pola miña práctica e esas vantaxes acumuladas. En cada novo tento de fuga fracasaba contra un xefe final novo, loitando contra Hades no meu quinto escape, inda que sen éxito. Non me faltaron moitos ataques para baixarlle toda a barra de vida, polo que estaba bastante seguro de conseguilo na seguinte partida, porque ademais obtiven puntos de escuridade abondo para mercar unha vida adicional. Mais non sería até o oitavo intento cando volvín atopar o xefe final, cunha combinación de bendicións e melloras moi poderosas e sinérxicas aplicadas sobre Zagreo, ademais dunha morea de puntos de vida. Vinme forte e baixei a garda, afastando a man do mando para sacar capturas da pantalla, perdendo unha das vidas antes de rematar coa primeira fase. Porque, evidentemente había unha segunda fase que nin predixen nin loitei ben. Se non estivese tan apampado podería ter saído ben, pero faltáronme esquivar un par de ataques do pai do protagonista para superalo.
A partir dese momento entrei nunha etapa moi pouco produtiva, alternando derrotas contra os heroes do Elisio con novos fracasos contra Hades. Entre iso, que pasou unha quincena da anterior serie de partidas e que me atopaba nunha chaira no campo das melloras permanentes, semellábame cada vez máis lonxe o de completar a tarefa. Unha longa noite decidín que era boa hora e centreime en acadar ese obxectivo. Logo de varios encontros consecutivos contra Hades sen conseguilo, e xa na última partida da noitada, cheguei de novo á escena final sen melloras axeitadas para o meu arco. Notara ben nos enfrontamentos previos que non levaba nin moito dano nin utilidade, pero, a cambio, a supervivencia semellaba elevada. Tracei o plan de xogar con moita calma a loita final, minimizando os riscos e facendo dano aos poucos. Foi unha batalla dura pero saín vitorioso! De aí cara a superficie. E de novo a nadar no Estixe…
Porque niso consiste o bucle lúdico deste xogo, moi resumidiño e non por iso especialmente repetitivo. Un dos metaxogos consiste en interactuar de seguido cos diferentes personaxes desta mitoloxía grega, intercambiando liñas con eles e mellorando as nosas relacións sociais. E Perséfone, que actualmente vive na superficie, non é unha excepción, polo que desexaremos fuxir unha e outra vez para aprender máis sobre ela e Zagreo. Polo que ouvín, precísanse dez fuxidas con éxito para rematar a historia principal, e eu xa levo cinco consecutivas. Logo daquela primeira vitoria desbloqueei o rifle e obtiven outro éxito doado. O mesmo nas tres partidas seguintes, de novo co arco pero esta vez cun aspecto que convertía o ataque especial en guiado cara o inimigo, sendo moitísimo máis útil desa maneira.
Porén, o xogo tornouse máis fácil logo da primeira escapada, e agora o medo que teño é non perder esa serie de vitorias consecutivas nun mal paso. Supoño que continuarei noutro intre até chegar os créditos, e pode que aproveite para falar nunha nova entrada sobre ese tramo e sobre todo o que deixei pendente nesta actual. Acerca do Dead Cells dixen que non era mal xogo inda que non fose para min, pero este Hades é, sen dúbida, un grandísimo xogo cunha das producións mellor traballadas que coñezo. Tras dezaseis horas de acción e leas mitolóxicas, o xogo inda mantén todo o seu fresco, ao mesmo tempo que promete máis dentro da súa aparente sinxeleza.