Baba Is You

Apareceu este crebacabezas na miña ludoteca de casualidade. Curiosamente pertence a unha pequena (inda que sempre crecente) lista de videoxogos que quero probar porque penso que me gustarán. Pouco tardei en instalalo e sentirme intelixente superando os primeiros niveis sen problemas. As mecánicas son ben sinxelas e, por momentos, recordoume o Catrap, por suceder todo nunha mesma pantalla e porque hai que atopar subobxectivos en moitos niveis. Mais seguramente sexa porque non tendo a xogar moitos xogos do estilo e todos sexan semellantes nun aspecto tan elevado; non me sorprendería saber que os expertos non estean moi de acordo coa miña afirmación, ou que ninguén máis que eu xogase a eses dous xogos en menos dun ano. Con todo, no da Game Boy conseguín superar todos os niveis sen axudas, pero no Baba Is You pedín papas antes de lograr esa fazaña, se é que algún día chego até aí, que non ten pinta.

Nos primeiros mundos non tiven problemas para conseguir superar o número mínimo de niveis precisos para avanzar ao seguinte. Non freei para solucionar os que quedaban atrás e, moito máis cedo do que agardaba, atopeime fronte a un nivel titulado “final”. Un erro que cometo a miúdo é que non asimilo que todas as pezas destes puzles teñen funcións significativas, polo que obvio algunhas liñas de pensamento importantes. Tal foi o caso deste nivel final, onde estiven unha hora aprendendo as particularidades do sistema sen achegarme á vitoria. Dinlle tantas voltas que a solución chegoume co xogo apagado, logo foi cuestión de aplicala con coidado e coller a bandeira. Sorprendeume a falta de fanfarra, e unha busca en internet amosoume a diferenza entre “FLAG IS WIN” e “FLAG IS END”.

E non foi a única axuda externa que recibín, porque logo de pasar bastante tempo nun nivel da fraga pedín unha pista porque me superaba a curiosidade. O conto era que, dalgunha maneira, tiña que empurrar un obxecto inamovíbel ou crear un obxecto da nada. Evidentemente ambas opcións era imposíbeis así de entrada. O que me faltaba era que si era posíbel sacar dous obxectos dende un, cunha combinación que agora semella obvia. Esa é precisamente a maxia do deseño deste Baba, ou de calquera crebacabezas ben feito. Mais neste caso esa xenialidade esténdese ás propias regras dinámicas que teremos que trocar e que conseguen darlle un estilo único e chegar moito máis alá dun Sokoban. Agardo solucionar máis niveis sen axuda, pero será un proxecto a longo prazo.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.