<<

Memorias dun neno xogón: cinco cancións da Sega Saturn

Unha das vantaxes da Sega Saturn, que non sei nin como descubrín, é que podes poñer os CDs nun reprodutor musical e escoitar os arquivos sonoros do mesmo. Como isto sucedía nos noventa, aproveitaba esa funcionalidade para montar uns casetes moi fascinantes con parte das bandas sonoras dalgúns dos meus videoxogos preferidos e até algún que outro efecto sonoro para separalos, coma se tivese eu unha táboa de sons cal encargado de animar un programa de radio de humor. Vaiche boa deses tempos e xa nin sabería onde atopar un reprodutor de casetes, e moito menos as miñas mesturas, pero podo vivir algo a través das lembranzas volvendo a escoitar algunhas das miñas cancións preferidas deses tempos.

O toque techno da canción clásica do menú do Ultimate Mortal Kombat 3 nunca podía faltar nas miñas compilacións, inda que fora porque non tiña acceso ao, inda máis techno, tema principal da saga. Pero tamén axudaba que o CD tivese unha morea de efectos sonoros para intercalar Fatality ou Flawless Victory entre canción e canción. Agora que a escoito de novo, é unha canción ben mala e a que peor levou o paso do tempo das cinco que amoso aquí.

O Rolling Start! do Daytona USA serve coma introdución ao circuíto máis sinxelo de todo o videoxogo, sendo tamén no que máis horas pasei, virando á esquerda unha e outra vez sen parar. A estas alturas da vida non podo dicir se é unha boa canción, unha mala canción ou un vestixio dos noventa, pero os berros de Takenobu Mitsuyoshi teñen máis carisma do que terei eu nunca. Inda que ás veces só empregue unha vogal.

Guardian Heroes comezaba cunha estendida animación que lembraba a moitos animes da época. Realmente semellaba unha versión de Reena e Gaudi, unha serie que nunca chegaba a tempo para ver, pero que tiña boa pinta para un neno que o mesmo lle valía Son Goku que Ranma. Mentres o minifilme avanzaba, soaba de fondo este Open Your Heart, cuxas primeiras notas xa me transportan á innumerable cantidade de veces que debín acender este xogo. Escoitándoo de fondo, podo imaxinarme sen problemas a Randy, Serena e compañía repartindo golpes e lanzando as súas poderosas maxias.

O NiGHTS Into Dreams tiña unha morea de cancións que me prestaban ben escoitar. A culminación delas era o Dreams Dreams, que servía como punto final a toda a aventura de Elliot e Claris. A versión cantada por nenos ten ese encanto que, ás veces, só poden ver os pais dos fillos namentres o resto do mundo ten que tapar os oídos ou pasar vergoña allea. A pesar diso, e de ser unha canción romántica cantada por nenos (nunca o fagades), a nostalxia vence e resúltame bonita abondo.

Mais o campión absoluto era o Sonic R, amosándome que o eurodance non estaba limitado ao estudio de Música sí. Todas e cada unha das cancións tiñan a súa maxia, e a cantante principal inda atopa a súa figura artística ligada a este xogo. Non me foi doado escoller unha canción de todo o álbum, pero este Can You Feel The Sunshine? desbanca Super Sonic Racing por ben pouquiño. Quizais por esa ponte instrumental entre o segundo e o terceiro terzo, quizais por ter unha historia amorosa máis obvia, igual ca no resto do disco.