A Short Hike

Subir por carreiros até á cima de certos montes foi unha afección nova que collín cando vivín noutra cidade costeira. Non era algo ao que estivese acostumado ao chegar alí, pero uns meses máis tarde escapaba para arriba sempre que aparecía unha oportunidade. Non eran uns camiños especialmente esixentes, pero si o suficiente para, nalgúns tramos concretos, ter que empregar un pouco as mans para impulsarnos nuns pasamáns. A satisfacción de chegar á parte superior, contemplar todo o camiño percorrido e descansar un pouco mentres seca a suor era algo que non atopaba noutros exercicios. Lembro esa etapa con moito agarimo, pero agora deixei esas tendencias de xena, e o Celeste e este A Short Hike son case as experiencias máis similares dos últimos meses.

Neste caso non manexamos un bóvido, senón unha paxara que quere chegar ao cumio porque é o único lugar posíbel de todo o parque onde poida que teña cobertura para o móbil, xa que está agardando novas de algo importante para ela. Non é algo co que contara cando se deixou convencer para viaxar até alí, e de primeiras non lle agradará moito o plan, pero a medida que pase tempo no lugar irá gozando máis e máis da zona e do resto de animais antropomórficos que por alí andan. Un pouco similar ao que puiden experimentar eu coma xogador, que non entrei con tanta desgana pero si que lle collín aprecio a algúns personaxes secundarios inda que no comezo só os vía coma paradas innecesarias na ascensión.

O xogo, como o seu título ben indica, é unha pequena aventura de sendeirismo. Levoume unha hora e media chegar até a cúspide e volver ao punto de comezo. Non visitei todos os recunchos do parque nin solucionei todas as peticións dos animais que se atopaban por aí, pero pesquei un pez, gañei unha carreira de parkour, atopei unha pluma prateada na parte máis alta dunha illa misteriosa. outras dez plumas douradas e moitas outras cousas indescritíbeis, da mesma maneira que non é posible falar de todas as plantas que podemos atopar nun paseo pola natureza. Todo iso ao ritmo que eu estimei oportuno en cada intre: ás veces máis rápido, ás veces máis lento, ás veces seguindo os camiños e ás veces camiñando ou voando ao chou. Agás nunhas carreiras opcionais, en ningún momento hai présa para facer nada nin penalización por saír ou caerse da ruta.

Porque o movemento neste mundo aberto é moi libre. Claire pode andar, correr, escalar, brincar e planar. Eu nunca cheguei a dominar o voo, mais iso non me limitou en ningún caso para moverme con estilo dun lugar a outro, gozando da paisaxe e da música, ambas cousas moi ben pensadas e que encaixan perfectamente coa pretendida experiencia calma e sen tensión. Moi recomendábel en todos os aspectos, ao igual que atopar un monte local e camiñar costa arriba.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.