Minit

O único que sabía deste Minit era que se trataba dunha aventura curta no que cada vida pode durar como máximo un minuto, e xa me soaba ben. De entrada supoñía que compartiría moito co Half-Minute Hero por partir dunha premisa similar, pero neste caso se trata máis dun Zelda en modo monocromático. De feito a maldición dos sesenta segundos comeza cando o protagonista atopa unha espada na praia ó sur do edificio principal, algo que xa experimentei neses tempos prepandémicos co Link’s Awakening. A partir desde momento, teremos que bulir dun lugar para outro xa que non hai moita marxe temporal, pero a trampa está en que os obxectos que atopemos e os cambios que fagamos no mundo manteranse dunha vida a outra. Coma nos Zeldas, vaia.

Obviamente moita da graza dos xogos protagonizados por Link é explorar ben as áreas accesíbeis para avanzar na trama, atopar segredos e gozar coa ambientación do mundo. Neste caso o Minit tamén ten eses mesmos obxectivos, coa excepción lóxica de que non podemos pararnos a observar con calma cada recuncho porque a morte non agardará a que esteamos preparados. Este é o punto que vin con máis críticas negativas, xa que concordo con que é máis unha maneira de engadir desafío e lonxevidade de maneira artificial que algo xustificado por calquera outro motivo; nin sequera a ambientación emprega ese feito para construír unha trama acorde, cousa que si que sucedía no Half-Minute Hero. Pero eu gusto de xogar a fume de carozo, en sesións curtas e con certo nivel de desafío, polo que este sistema non me amolou nin un pouco.

Inda que ten as súas partes de acción, o xogo trata eminentemente de crebacabezas repartidos por todo o mundo. Hainos tanto opcionais coma obrigatorios para completar a trama, e non fica de todo claro a cal desas categorías pertence cada un. Por sorte, case sempre hai varios frontes abertos polo que se nos atopamos atascados nunha determinada parte podemos trocar de obxectivo e avanzar por aí, inda que o final hai certas cousas que hai que solucionar si ou si. Pode que esta opacidade sexa un dos seus puntos fracos, xa que algunha vez atopeime sen saber como progresar e vendo como precisaba algúns poderes que non tiña para solucionar outras liñas. Non obstante, o xogo é tan reducido que non resultan ser montañas insuperables, por moito que eu me perdese polo menos dúas veces, pero non é raro en min. Polo camiño tamén atoparemos a unhas pantasmas moi amables que aportan pistas, pero algunhas son tan obtusas coma a propia adiviña a resolver.

En total pasei menos de dúas horas na aventura e atopei o 59% dos obxectos agochados ó longo de 125 vidas. Inda ten máis vida o xogo porque existen logros (inda que non na plataforma na que xoguei eu) e unha segunda volta con minutos de corenta segundos e onde varían algunhas cousiñas, coma no Zelda orixinal. Mais eu xa puxen o freo ao final da primeira volta satisfeito coa experiencia pero sen ganas de estendela máis. Foi agradable avanzar na trama para acabar destruíndo unha fábrica de armas, algo que me lembrou tamén a outro videoxogo de Nintendo, o Super Mario RPG. A verdade é que condensou moi ben todas esas reminiscencias e moitas que nin se me ocorrerán!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.