<<

Tales of Maj’Eyal. Maridkas

En realidade a sucesora de Polsef foi Polsefa, unha pequena muller da mesma raza e clase que tiña o que finou contra un poderoso vampiro. Mais ela tivo unha vida moi curta, por moito que desta vez eu tivese máis experiencia coas mecánicas de folla-das-sombras e co resto de subsistemas deste ToME que tiña oxidados. Agora xa lembro mellor os primeiros pasos, que as habilidades que non escalan co dano da arma poden ser poderosas igualmente e outras pequenas cousas coma o funcionamento das inscricións ou que hai que mirar para o histórico de mensaxes máis a miúdo. Pero xa sabemos que, inda que o saiba, non o vou facer tanto coma debería. No caso de Polsefa, atopeime ante un pequeno dragón de lume, con moi pouca vida ambas pero cunha habilidade de rexeneración na protagonista. Decidín que a mellor solución era tentar golpealo, xa que as posibilidades de matalo semellaban moi altas e logo ben podería sobrevivir até estabilizar a vida. Premín a tecla de ataque. O obxectivo morreu. Polsefa tamén. Seica eses inimigos fan dano automático de represalia cando son golpeados. Lección aprendida. Ou posiblemente non.

Para a seguinte personaxe pulsei o botón de xerar ó chou e axustei a raza para ser un pouco máis axeitada. O resultado foi Maridkas unha anana que sigue o camiño dos dragóns e ten poderes inspirados por eles. Esta é unha das razóns polas que gusto tanto deste videoxogo: hai moitísima variedade de clases, as que hai son interesantes e hai varias maneiras de completar cada árbore de habilidades para personalizalas. Neste caso decidín empregar unha mestura inicial de poderes de frío e de ácido, aprendendo máis adiante as habilidades máis elevadas que mesturan todos os tipos de ataques. Como plan xeral, cuspía ácido ós inimigos cando estaban lonxe, activaba unha néboa ó meu redor cando estaban próximos, levantaba o escudo e facía ataques en área para rematar con moreas de inimigos ó mesmo tempo. Decataríame logo que tanto dano en área era contraproducente para as misións de protexer a outras personaxes, e algunha caeu como vítima colateral. No encadramento defensivo optei por acumular montañas de vida e defensa para aturar ben os golpes e gañar as loitas por desgaste dos rivais.

O único que fallaba no plan era algún método de fuxida, e mira que atopei algunhas runas de teletransportación polo camiño, pero preferín acumular os efectos de curación, inda que seguramente non os precisaba, por tentar aproveitar unhas habilidades nas que non tiña que ter investido. Un pequeno desastre de planificación nas categorías xerais que se materializou cando entrei nunha desas portas que agochan grandes tesouros e inimigos poderosos. Non tiña mala pinta pero, logo de activar as habilidades de defensa con tempo de refresco máis alto, decidín quedarme por aí unhas quendas máis para ver se eliminaba algún verme adicional. O peor viu cando baixaron moito os meus puntos de vida e non entendía porque non podía fuxir por esa casa do sur, xa que non tiña ningún efecto negativo que o impedise e o histórico de mensaxes non amosaba nada claro. Do que non me decatara foi de que un deles apañouse para poñerse detrás de min e bloquearme a saída! Eu, coma xogador, estaba canso logo dun longo día e non discernía o debuxo do inimigo no mapa táctico. Tentei moverme cara o sur tres veces consecutivas, atacando ese inimigo sen pretendelo. Unha vez morto, estudei as mensaxes e claramente aparecían aí os meus ataques non pretendidos. Seguramente podería sacar de aí algunha lección nova para aprender. Inda que o de aprendela de verdade xa é máis complicado.

Polo de agora continúo con ganas de seguir xogando e probar novas clases e sinerxias entre os talentos. Inda non recorrín a guías de ningún tipo pero confesarei que teño certa curiosidade por ver os análises máis concienciudos da comunidade e saber como de afastado podo estar eu. Mais, ao mesmo tempo, tamén penso que lle quitaría algo de maxia e prefiro manterme na miña actual escuridade de coñecementos. O que quizais si que debería comezar a botarlle un ollo é a como funcionan algunhas mecánicas particulares que non se atopan ben definidas no xogo, como por exemplo a interacción entre todos os diferentes números que compoñen a defensa.