<<

Shining the Holy Ark. Capítulo 1

Non me gustan os xogos de medo. Nunca me gustaron. Lembro cando aluguei o Resident Evil para a Sega Saturn, un erro que non volvín repetir. Nos tres días que tiven o cedé pola casa non pasei do segundo zombi, e a animación do primeiro inda a teño ben cravada na mente. E iso que era un xogo en terceira persoa! Cando se trata de visión en primeira persoa o meu xa baixo límite de tolerancia do medo toca o chan. Por iso mesmo, inda que lembro con agarimo este Shining the Holy Ark por ser o meu primeiro xogo de rol por quendas, a verdade é que nunca cheguei moi lonxe porque non xogaba cómodo de todo. E iso que era un videoxogo por quendas! Non podía ser tan terrible, non? Agora xa teño vinte e pico anos máis, e inda que non xogaría por gusto o Amnesia, coido que debería poder apañarme con este clásico da Sega Saturn, pertencente á saga comezada polo Shining in the Darkness.

E a verdade é que inda agora o xogo deixa mal corpo. Xa non me lembraba, pero logo de percorrer o pequeno primeiro tramo de alxube e loitar contra Rodi, hai unha escena sacada directamente dun pesadelo. Dende os ollos do protagonista principal, vemos como hai un espírito maligno que posúe a un dos seus amigos. A continuación, baixan uns extraterrestres espirituais dunha arca voadora e entran dentro dos corpos dos que formarán o trío protagonista; suponse que son bos, mais trocan as memorias de Rodi e non me parecen fiables de todo. Mais aí non remata a cousa, xa que temos outra representación na que o noso avatar percorre un lar moi escuro onde os seus amigos aparecen e desaparecen, ademais de atopar outras figuras que son claramente os viláns da película. Xa c0 control no noso mando, percorreremos parte da mina inicial loitando contra, entre outras cousas pantasmas. O segundo tramo de xogo será nun bosque encantado, tamén cheo de seres de ultratumba, e que culmina nunha travesía que comeza nun sarcófago. Pouco máis adiante, atoparemos unha figura feminina que aparece da nada e fai desaparecer unha nena que falaba presuntamente verdades sobre ela. Iso antes de entrar na mansión dun vampiro, cos seus poltergeists e todo.

E paro aí porque non xoguei máis polo de agora, pero entendo ese Xogón máis mozo que non se aventuraba moi lonxe da primeira aldea. Tamén é certo que agora teño a Sega Saturn nunha caixa e xogo nun emulador, o que me permite parar en calquera intre sen perder progreso. Isto é unha mellora do nivel de vida notable e tamén é a circunstancia que me permite poder gozar deste xogo sen descoidar o resto da vida. Non atopei dificultades nas loitas nin na exploración polo de agora. Tendo a percorrer un par de veces cada zona para asegurarme de completar o mapa automático e investigar cada recuncho sospeitoso, porque unha novidade desde Holy Ark é o sistema de fadas. Atópanse espalladas polo mundo en lugares que poden ir do máis rechamante ó máis común e poden empregarse sen límite antes do comezo de cada loita para debilitar o inimigo e conseguir máis cartos e puntos de experiencia. A idea é que hai unha fiestra temporal na que debemos ver dende onde aparecen os inimigos e seleccionar e activar un grupo de fadas que cubran ese caso. Moi interesante e divertido inda que semelle fóra de lugar nun xogo por quendas.

  • Tempo de xogo: 7.5 horas.
  • Grupo: Xogon (espadachín, nivel 18), Rodi (ninja, nivel 16), Melody (xamá, nivel 17).
  • Fadas: 18.
  • Loitas fuxidas: 0.
  • Loitas perdidas: 0.