<<

Shining the Holy Ark. Capítulo 2

Parte do interese do Shining in the Darkness foi facer os mapas dos alxubes a man tras cada paso. Xa comentei nesas entradas que non había nada complicado de cartografar e, inda así, apañeime para meter a zoca varias veces e que non me encaixase o mapa. O deseño do Holy Ark inclúe un mapa que se completa automaticamente a medida que percorremos os corredores, polo que non fai ningunha falla levar a conta con lapis. O malo é que é máis complicado saber onde remata cada burato no chan, e pode que me deixara sen explorar algo por non tirarme por todos os ocos nin analizar ben os mapas. O bo é que é todo moito máis fluído e que non tiven que complicarme para pintar os corredores curvos ou ese santuario do sur no que tamén se camiña polo teito. Neste último caso, se quixera manter a paridade entre os traxectos polo chan e os do teito, tería que, cando xiras cara a esquerda no teito, en realidade estás xirando cara a dereita no teu mapa que se supón que está visto dende arriba. Unha gran confusión que tardei en comprender ben inda coa axuda do mapa automático (ou, quizais, precisamente por esa axuda).

Ese santuario do sur que remata cun sistema de ecuacións lineais de sete variables e o mesmo número de igualdades. A resolución non foi complicada, mais equivoqueime na transcrición dunha das pistas e o meu primeiro intento non foi correcto, cousas de tomar notas cando debería estar durmindo. Por sorte, non houbo ningún castigo máis aló de perder algo de tempo apañando de novo os sete obxectos que había que repartir equitativamente entre dúas estatuas logo de derivar o valor de cada un. Xa pensara que ese cambio de xénero de xogo de rol a xogo educativo facía as veces de xefe final da zona. Pero non, e a continuación tiven que loitar contra a verdadeira xefa que, por vez primeira no xogo, traía de cando en vez algún aliado para batallar ó seu carón. Desta maneira, a lide tiña máis interese táctico e algo máis de dificultade, inda que non fora abondo para poñerme en dificultades reais.

As únicas pelexas que me deron problemas foron contra unhas bestas en forma de moedas e contra unhas augamares voadoras que saían de buratos no xeo. As numismáticas posúen unha gran resistencia física, polo que hai que gastar unha morea dos escasos puntos de maxia para conseguir derrotalos, o que non é seguro porque poden saír fuxindo e, ademais, non semellan ter unha boa recompensa (seguramente terán certas posibilidades de soltar algún obxecto decente, pero non me vou preocupar diso). As medusas combinaban puntos de vida abondo para sobrevivir unha quenda enteira dos meus ataques, a opción de chamar a outra amiga idéntica e un dano en área bastante notable. A este videoxogo lle pasa o mesmo có Darkness, e depende da lotería do azar que un inimigo faga un ataque físico que pode causar 3 puntos de dano se non erra, ou un ataque máxico que danará os catro membros do grupo por un total de 100 puntos de vida sen pexa ningunha.

No momento en que deixei o xogo, xusto despois de facer que o rei e Forte deixasen de estar controlados por espíritos malignos, teño seis membros no meu fato particular. O xogo só permite loitar con catro en cada quenda de combate, pero somos libres de intercambialos antes de cada unha e todos gañan puntos de experiencia participen ou non participen na loita. Normalmente, nestes casos, faría o posible por formar un equipo o máis feminino que puidese, pero tendo tres protagonistas especiais que non poden morrer (recuperan 1 punto de vida en tal caso logo do combate) e con Akane sendo unha mestura entre Melody e Rodi (incluso emprega o mesmo equipo ca este) pero con menos nivel, non me chama moito. Prefiro entón xogar habitualmente co guerreiro dragón Basso que, inda que lento, golpea forte se chega a tempo e, se fai falla, meter os outros dous en combates especiais para aproveitar as súas tácticas exclusivas. Veremos que nos agarda agora que os vándalos continúan facendo das súas inda que reino de Enrich estea aparentemente recuperado. Non serve de nada nun xogo así de lineal, pero eu sigo precavido respecto os espíritos da arca, o rei e o seu conselleiro Sabato que nos axudou tanto. Igual son desconfiado de máis.

  • Tempo de xogo: 12 horas.
  • Grupo: Xogon (campión, nivel 4), Rodi (mestre ninja, nivel 2), Melody (invocadora, nivel 3), Basso (cabaleiro dragón, nivel 3), Akane (kunoichi, nivel 16), Forte (mago, nivel 15).
  • Fadas: 25.
  • Loitas fuxidas: 8 (7 contra bestas-moedas).
  • Loitas perdidas: 0.