Metroid Prime. Capítulo 1

Hai amigos que coñeces polos xogos e que rematan sendo verdadeiras amizades todoterreo para toda a vida. Mais eu podo nomear a polo menos un cuxa relación comigo limitábase estritamente ó salón de recreativas e a saudarnos cortesmente cando nos cruzabamos pola rúa, un costume que diría que el leva mantendo vinte anos tamén coa miña nai. Tiña algúns anos máis ca min e bastante máis currículo lúdico, especialmente na Super Nintendo. Para ela emprestoume o Secret of Mana (secuela do Final Fantasy Adventure) e o Super Metroid, que foi a miña toma de contacto coa saga. Paseino con trampa, xa que nalgún intre abandonei a miña partida, carguei a do meu amigo e esnaquicei ó cerebro final. Logo superaría as dúas entregas da Game Boy Advance e probaría lixeiramente os orixinais da Nintendo e da Game Boy, e escollería de cando en vez a Samus no Super Smash Bros. polo que estou algo familiarizado coa saga bidimensional. Pero non tiña nin idea de que tal deu o chimpo ás tres dimensións no tempo da GameCube, unha consola que nunca tiven de man. O paso tridimensional de Mario e Link na Nintendo 64 convencéronme no seu día, polo que tiña boas expectativas tamén no caso do Metroid Prime, inda que a aterraxe fora un pouco dura.

O primeiro atranco foron os controis. Inda que os Metroid saltáronse a xeración da Nintendo 64, semella que o esquema de como manexar un xogo de disparos en primeira persoa non avanzou moito dende o Goldeneye. Mais se alí tiñamos varias configuracións posibles e liberdade de visión e movemento, aquí experimentaremos unhas limitacións que nos impedirán mirar ou apuntar arriba ou abaixo sen parar de movernos. Deste xeito o xogo achégase ó xénero de terror, cos seus angostos corredores, inimigos alieníxenas e esa sensación de claustrofobia por atoparnos máis dentro ca nunca do traxe Varia, co propio visor facendo as veces de interface visual diexética. E eu que sempre fun medroso para isto dos xogos en primeira persoa, teño medo de pasalo mal, algo que, por sorte, inda non sucedeu no pouco tempo que lle adiquei ó xogo. Pero se chega o momento de atoparnos nunha escena coma a da persecución do Fusion, igual remata aí a miña aventura.

Igual que case remata logo da primeira sesión. Unha vez que estiven algo afeito ós controis, loitei contra un par de inimigos comúns e un xefe bastante sinxelo sen moitos problemas. Pouco despois tocaría unha desas notas clásicas da saga na que hai que fuxir dun lugar a punto de estoupar nun tempo limitado. Polo camiño apareceron inimigos novos que manchaban o visor entorpecendo a ruta, seccións nas que había que empregar o modo de investigación para avanzar (algo que inda non teño moi interiorizado e que é complicado de apuntar) e unha sección onde temos que empregar por vez primeira o gancho para bambearnos e superar un desnivel. Nese último punto fracasei unha vez e, unido a que non controlo moi ben tampouco o mapa tridimensional, resultou en que rematou o tempo e estoupei xunto coa nave que estaba a investigar.

Non xogo moitos deses xogos de disparos modernos, pero estou algo habituado a que unha morte non signifique máis que retroceder uns metros para darlle outro tento. Neste caso contaba con repetir os seis minutos de fuxida, pero non podía estar máis equivocado: tiña que comezar todo de novo. Un pouco coa mosca detrás da orella busquei en internet e resulta que non atopei unha estación de gardado. Eu estaba máis preocupado de avanzar e nin lembrei que é algo común nos Metroidvanias e que debería prestarlle máis atención a esas cousas e ó mapa. Estiven a punto de vir aquí a escribir isto e dar o xogo por rematado, pero penso que ben merece (e merezo) unha segunda oportunidade.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.