Café 0 ~The Drowned Mermaid~
Con todo o que me gustan os libros e os xogos, non son nada de novelas visuais. Xa nin lembro a última vez que xoguei unha [como? Xa non te lembras de min?] e, despois deste Café 0, pode que pase moito tempo até que colla outra. A idea do xénero non é nada mala, pero penso que a miña mente de xogar videoxogos vai sempre con moita présa coma para pararse a ler tranquilamente. E neste caso xuntouse todo para ter unha experiencia bastante negativa por moito que me esforzase en intentar gozala.
O primeiro que hai que facer é escoller un nome para a protagonista, Mariña Carballo no meu caso, por moito que nas voces en xaponés se refiran a ela polo seu nome orixinal. Logo dun relativamente longo prólogo onde se conta toda a ambientación, sen ningunha elección pola nosa parte, aparecemos nun instituto [que orixinal!] onde poderemos falar coa nosa mellor amiga, un rapaz interesante ou o doutor. Coa idea de descubrir a verdade sobre a nosa propia morte, teremos que falar con eles tres para tentar pescudar o máximo posible nos días anteriores a tan macabro suceso. O xogo xa avisa que son necesarias varias pasadas para investigar todo o acaecido pero, polo que sexa, a fantasía esixe que a protagonista perda a memoria de cada vez, inda que, evidentemente, a persoa xogadora non o fai, polo que é máis difícil identificarse con ela. Algo que, se cadra, é positivo, porque a rapaza non merece moito grao de intimidade e as eleccións que podemos facer por ela son poucas e inconsecuentes.
Porque, é curioso, pero nos días escolares o único que cambiará dependendo das nosas eleccións conversacionais será a seguinte liña do interlocutor, xa que tanto as seguintes frases coma a nosa relación con esa persoa nos días seguintes será absolutamente idéntica, por moito que as opcións sexan marcadas como “boas” o “malas” (un pouco ó chou, diría eu). Neses casos aparecerá unha bolboreta branca ou negra para que fique clara a vía escollida, o que resultará na aparición dunha das partes do corpo da protagonista no espello da súa casa. Presumindo máis xogabilidade da que realmente ten, eu asumín que había que acumular sucesos do mesmo tipo cos dous diferentes homes que podemos interactuar, co obxectivo de maximizar ese karma, pero inda así seguín obtendo o final malo. Para conseguir outro diferente, temos que centrarnos na mesma persoa durante toda a semana acertando coas bolboretas axeitadas. Desta maneira teremos catro finais diferentes cos dous homes e o verdadeiro final coa amiga feminina. Non resulta moi interesante.
Todo iso podería ter sido compensado cunha literatura pasable, pero está moi lonxe de ser clasificada dese xeito. Suponse que interpretamos á protagonista pero, ás veces, ouvimos conversacións que ela non podería. Os diálogos son vergoñentos en todos os sentidos e calquera iteración co doutor era repugnante, sen posibilidade de saír do xustillo imposto pola narrativa. O final revelador non me resultou tampouco moi rompedor porque xa supuxera que todos tiñan un lado escuro, inda que non tería acertado coas relacións entre eles por moito que o intentase, xa que as pistas non me resultaron abondo. En fin, agardo que esta experiencia non sexa moi representativa do xénero, xa que non me importaría probar outras semellantes pero mellor executadas.