Monster Hunter: World. Capítulo 1
Teño algunhas entradas escritas nun caderno hai máis dun ano que inda non foron dixitalizadas. O motivo principal é que, con menos tempo dispoñible, deixei de escribir a man primeiro para transcribir electronicamente despois; é unha mágoa porque era moito máis romántico do outro xeito, pero a verdade é que aforro tempo e quebradeiros de cabeza ó non estar limitado físcamente polo espazo de cada páxina. O motivo secundario é que algunhas desas entradas precisaban extraer as capturas da PSP e ía boa que non a tocaba. O outro día decidín facer esa tarefiña e, logo de tanto tempo relativo coa Steam Deck, aquela consola de Sony, no seu modelo máis gordo, parece de xoguete: ten unha pantalla moi pequena, todos os botóns están moi xuntos e, en resumo, non parece de verdade. Non sei como apañei para xogar ó Monster Hunter Freedom Unite tantas horas dese xeito.
O Monster Hunter: World na consola de Valve é outra cousa totalmente diferente: os controis son moito máis cómodos (os comentarios sobre a “garra” requirida para as versións da PSP son totalmente verídicos), a interfaz é máis clara (inda que algúns textos seguen a ser demasiado pequenos sen necesidade) e os gráficos teñen moito máis detalle. Se sacamos esas cousiñas, sinto que estou a xogar a practicamente o mesmo xogo algo actualizado. As armas principais seguen aí con movementos similares, os subsistemas de obxectos e equipacións non cambiaron case nada, a exploración é moi comparable e, en resumo, as sensacións que provoca son as mesmas. Todo iso basándome na decena de horas que levo xogada, que son abondo para decatarme de que non volverei nunca xunto aquela Kandra coa que tanto xoguei, esta versión e case superior en todo.
Case. Quizais por levar World no título decidiron que o xogo tiña que ser xogable en liña por defecto, con pequenas instancias nas que convivir con outras cazadoras. En princpio isto non me amola porque existe a posibilidade de crear partidas privadas e non invitar a ninguén; perdo algunhas funcionalidades e seguramente sexa máis complicado do que debería pero ben sabía a que viña aquí. O que xa non comparto é que outorguen unha bonificación cada día que entras a xogar e te identificas no servidor: non ten ningún senso dentro da lóxica do mundo e, polo que teño lido, en datas especiais agasallan algúns obxectos que poden estar moi lonxe de ser adquiridos no transcurso natural, algo que vai un pouco en contra do que eu penso que debería ser a filosofía dun Monster Hunter no que a paciencia e os pequenos pasos son obrigatorios para mellorar como xogador. Unha filosofía que xa deixaron totalmente atrás no caso do equipo “defensor” que aparece como agasallo para os personaxes novos. Trátanse dunhas armas e armaduras tan poderosas que están pensadas para pasar polo xogo base o máis rápido posible e quedar listo para xogar os contidos da expansión.
Hai que lembrar que mellorar as armas e armaduras é o equivalente a “subir de nivel” noutros xogos e require atopar pezas particulares dos diferentes monstros para facelo. Sen ese mecanismo, e cuns números esaxeradamente altos nas equipacións de defensor, coido que a caza perde case toda a graza. Eu tiven a ben informarme sobre iso cando me ofertaron o equipo porque xa cheiraba raro, e decidín non empregalos para nada e ascender os rangos pouco a pouco coma se foran os tempos do lanzamento orixinal. Tiña pensado contar nesta entrada como foi, mais penso que xa me está a quedar longa de carallo, polo que mellor déixo iso para outro intre. Mais xa avanzo que teño máis ganas de seguir xogando que de poñerme a escribir sobre as aventuras de Xandra, por moito que sexa electronicamente.