<<

Monster Hunter: World. Capítulo 2

Resúltame difícil escribir sobre este Monster Hunter: World sen mencionar de novo o Monster Hunter Freedom Unite no que botei varias ducias de horas, polo que non vou loitar contra ese impulso.

O primeiro que contrasta é que ten un argumento e unha ambientación de verdade, no canto das escusas do outro para liquidar monstros a esgalla. Neste caso hai un Novo Mundo que certos humanos están tentando colonizar, aproveitando para investigar por que uns dragóns antigos van alí cada dez anos causando estragos globais. Un deles destrúe a nave da protagonista e fai as veces de coloso ó que hai que dar caza. Desta maneira as misións clásicas de cazar/capturar/apañar vense intercaladas por outras que avanzan a trama e que poden ter características únicas. Supoño que a liña ideal para avanzar rápido consiste en apurar todas esas misións da historia canto antes para así obter permiso para cazar os inimigos máis complicados, mais eu, raro en min, estou a xogar con calma e non é raro verme aceptar misións de investigación simplemente para variar un pouco ou por non saír do terreo coñecido. Debido a iso, teño moreas de materiais para forxar e subir os primeiros niveis das armas e armaduras, algo que non aproveito para nada e que simplemente servirán para coller voaxa.

Nave e lume

No terreo do equipamento, comecei esta aventura armado coa espada longa que tan ben me resultara no Freedom, pero atopeina lenta, estreita e cuns movementos non moi útiles para acertar ben nos monstros. De seguro que foi a falta de costume, porque os ataques básicos semellan ser idénticos ós do outro xogo da saga que xoguei, pero decidín cambiar de aires e darlle un tento ó clásico espadón xigante, que permite cargar os ataques e ten eses impactos que parecen causar máis dor cós pinchaziños da espada longa. Ou polo menos esa é a impresión gráfica, que despois os números poden dicir outra cousa. Na miña outra experiencia aproveitara uns inimigos que xa me tiña ben aprendidos para probar as diferentes opcións ofensivas, comparando sensacións e o tempo requirido para darlles morte. Aquí é algo que tamén debería probar nalgún intre, aproveitando as pequenas pantallas informativas que amosan os cadanseus movementos básicos, pero polo de agora Xandra está cómoda con ese gume enorme.

Gume enorme

Unha pequena cousa coa que non me levo ben de todo son os gráficos, curiosamente. Logo de xogar nunha resolución pequenísima na PSP o cambio a este xogo moderno na Steam Deck debería ser un positivo neto, pero hai cousas que non me entran ben polos ollos. Ben é certo que baixei algo as configuracións recomendadas para evitar que os ventiladores funcionen a plena potencia, mais coido que as cores e as diferenzas entre as zonas iluminadas e as escuras non me resultan cómodas de todo. É difícil de describir pero é como que está nese punto que non é “realista” de todo nin o suficientemente estilizado para seren considerado como parte da visión artística. Se cadra parte do problema tamén é xogalo nunha portátil, porque cousas coma os subtítulos tampouco son ideais no seu tamaño, pero moitas veces teño que fiarme da miña intuición para detectar certas cousas do escenario. Por sorte cando loito contra bechos enormes non teño ningún problema, e esa é boa parte do xogo.

Paisaxe Astera

Logo de rematar de escribir esta entrada e a anterior teño ben de ganas de volver ó xogo. Coma sempre, vou case a cegas sen ler consellos, guías ou comentarios doutros xogadores, pero aproveitei este compás de espera para buscar externamente onde se atopaba un paxariño que teño que capturar para unha misión secundaria. Xa levaba varias incursións buscando algún exemplar sen éxito e sen saber se estaba a facer algo mal. Agora, co coñecemento de que é posible encontralo na zona 5, penso viaxar alí e seguir avanzando con esa exploración da fauna máis pequena, o que semella totalmente prescindible para avanzar na trama. Para iso tocará loitar con máis monstros enormes e inda fica camiño abondo.