<<

Monster Hunter: World. Capítulo 3

Comecei esta nova etapa convencido de avanzar o máximo posible na campaña, tan pronto como capturase un exemplar dun pequeno paxaro coa rede de man, claro. Xusto deixeino antes dun cambio de escenario, cando a protagonista cae nunha fenda onde é rescata por parte da Terceira Frota, que se atopaba alí atrapada. A súa xefa encárganos misións nunhas paraxes extrañas e, entre batida e batida de monstros xigantes, atopamos o que parece ser un asomo da verdade que viñamos buscando sobre os dragóns antigos: semella que viaxan cara o novo mundo para morrer. Ou algo así, a verdade é que tampouco me estou a decatar de todo nin me importa demasiado. En moitas das escenas con voces dobradas o castelán a miña mente vai cara o bo traballo das tradutoras, fixándome en cousas como que as aliadas refírense a Xandra e a súa colega coma “vosotras” ou que os pequenos insectos amigos que emiten luz e guían cara lugares de interese chámanse “lafarillos”. Este nome paréceme moi axeitado e agradezo que non tiren por un nome común para todos os idiomas como xa tiven que padecer no Sonic Generations e os seus rings e emeralds.

Encargada

En todo iso penso eu mentres avanzaba polas diversas misións principais. E esa diversidade é o que tamén me causa certa preguiza. O tema é que se escollo cazar un determinado becho ou apañar herbas sei exactamente o que vai pasar, pero nas que avanzan a historia poden saír con calquera tema. Por iso tiven que forzarme a seguir a liña principal, que ademais tamén parece a decisión máis óptima no canto de mellorar o máis rápido posible, xa que outorga acceso a novas zonas e monstros que darán lugar a mellores armas e armaduras. Non obstante, logo de rematar a sección da Terceira Frota, volvín a facer algunhas opcionais que outorgaban vantaxes coma novos ingredientes na cantina ou materiais no xardín botánico. Cousas que, pola outra banda, apenas estou a aproveitar e fican case afundidas no mar de opcións que teño en cada intre que non estou de caza ou colleita.

Pesca

De feito pensei en que tiña que comezar a darlle uso a todas esas cousas precisamente na última misión deste tramo, que fracasei tres veces seguidas contra o mesmo lobo xigante. Para a cuarta simplemente fabriquei un casco e unhas luvas novas e déronme a resistencia xusta para aguantar un par de ataques sen caer desmaiada, conseguindo unha vitoria polos pelos. Para desafogarme completei algunhas misións opcionais que tiña por aí pendentes, incluíndo unha de darlle captura a un monstro-paxaro que debeu ser o segundo ou terceiro contra o que loitei neste videoxogo. Foi entón cando decateime de que as armaduras que levaba equipadas supoñían unha mellora considerable respecto das iniciais, xa que esta vez os seus truques apenas causaban danos. Penso que é un pouco mágoa que existan tantos monstros diferentes para cazar cos que crear tantas armaduras para que logo case sempre sexa máis importante equipar a de máis nivel que unha axeitada para o caso. Agardo que, cando chegue as partes máis complicadas, ese tipo de eleccións teñan máis impacto e dean unha boa razón para axeitar o equipamento a cada tarefa en particular. Penso que se non houbese tanta diferenza de poder entre unhas e outras a saga gañaría bastante.

Montar

Non teño moi claro que facer cando retome a aventura. Por un lado continuar avanzando na historia e atopando desafíos máis e máis complicados atráeme abondo. Pola outra, teño unha morea de misións dos niveis máis baixos por completar que non teñen ese compoñente de incerteza que me impide planificarme ben na distribución do meu tempo de xogo. O que teño claro é que seguirei xogando en solitario por moito que me sigan a tentar cada vez que abro a sesión para que colabore con outros. Penso que así está funcionando ben e o meu compañeiro felino, Cero, é toda a compaña que preciso polo de agora.