Sonic Generations
Como xa se pode adiviñar lendo os meus artigos desta páxina, fun un neno de SEGA nos 90. Nesa década seguramente xoguei a xogos de Sonic nas catro consolas da marca que tiven, pero as execucións clásicas nunca foron das miñas favoritas, preferindo algunhas variantes coma o Spinball ou o R (tamén coñecido coma o do Everybody’s Super Sonic Racing). De feito, cando adquirín unha Super Nintendo de segunda man (por 10.000 pesetas!), o Super Mario World confirmoume que prefería o fontaneiro ao ourizo. Pera esa é outra historia e está contada noutro sitio.
Este Sonic Generations comeza facendo un aceno aos orixinais soltándonos nunha nova, inda que moi recoñecíbel, zona no noso outeiro verde preferido: Green Hill. Obtemos inmediatamente o control de Sonic The Hedgehog, podendo saltar para coller os nosos primeiros rings desta primeira fase dunha aventura que atoparemos vellos amigos, como Knuckles The Echidna, e incluso as clásicas Emeralds. Todo isto coa posibilidade de escoitalo dobrado en castelán, de maneira que todos eses anglicismos/trademarks que escribín con letra itálica neste parágrafo sexan inda máis aparentes e terríbeis. Non sei que tería de malo falar de aneis, esmeraldas, ourizos ou taquiglósidos.
Ademais dos xestos recordando aos xogos clásicos, tamén posúe referencias aos máis modernos, entendendo como tal os publicados dende os tempos da Dreamcast, porque aí xa lle tiña perdido o ritmo. Cada zona hai que superala con ambas versións do protagonista, en distintos niveis, cada un coas súas habilidades e o seu estilo particular. As primeiras zonas son máis sinxelas, o que axuda a manter unha velocidade alta e gozar o xogo característico do ourizo azul. Os últimos niveis atópoos máis lentos e aburridos (particularmente, as transformacións no ourizo rosa e no foguete foron terríbeis), e o derradeiro xefe é o peor de todo o xogo.
Non obstante, inda que o xogo remata con nota baixa e hai estudos que indican que o final dunha experiencia condiciona a lembranza da mesma, penso que pagou moito a pena. As pantallas son variadas, os desafíos múltiples tamén son interesantes e obtiven un bo rato simplemente atopando a ruta máis rápida en Green Hill 1 para lograr o acadamento de finalizalo en menos dun minuto. Serviume tamén para coñecer de primeira man o funcionamento dos Sonics modernos; inda que gustei máis do estilo antigo, por moito que a evolución fora a lóxica. É algo confuso cando o moderno percorre unha parte bidimensional dun escenario xa que o meu cerebro esquece que as habilidades son diferentes.
Adiqueille case seis horas ao xogo, suficientes para completar a historia e repetir algunhas das pantallas para atopar os coleccionábeis agochados, conseguir algúns acadamentos e tentar obter a mellor nota posíbel nas miñas pantallas preferidas. Deixarei a entrada aquí, pero é probábel que volva ao xogo a experimentar moito do que me queda por facer. Nese caso pode que escriba outro artigo porque deixei varias cousas, especialmente defectos, sen mencionar, pero xa non teño máis espazo no caderno.