<<

Hades. Capítulo 3

Logo de máis dun ano, volvín xogar o Hades. Neste tempo cambiaron moitas cousas e non puiden ler tantos libros coma outrora e inda non lle botei man á Ilíada, mais si que me apañei para atopar tempo para Antígona, A canción de Aquiles e incluso Corazón de Ulises: Un viaje griego de Javier Reverte. Gustáronme moito os tres e calquera é un acercamento á cultura grega moito máis axeitado que Rise of the Argonauts, outro videoxogo que nunca comparei co Hades porque non hai moito que comparar. De primeiras, o dos argonautas levoume menos de oito horas completalo e neste levaba máis de corenta e inda non vira o epílogo final. Decidín que era un bo momento para cambiar iso.

Sen fuxida

O meu plan era chegar a ese epílogo de maneira natural, simplemente xogando máis partidas e falando con todo o mundo que quixera dicir algo. Estimaba facelo adicándolle entre catro e seis horas segundo a miña intuición xogona, pero a realidade foi que tiven que ir mirar as condicións a internet e, inda así, tardei vinte horas máis desa estimación. Non foi un tema de dificultade, senón de mallar e mallar até que conseguín darlles néctares abondo ós deuses do Olimpo. E logo mallar algo máis ata que a maioría decidiron aceptar ambrosía. Cando por fin obtiven o epílogo da reunión familiar sentín alivio por telo conseguido pero tamén porque pechaba o círculo da gran familia de Zagreo coa que simpaticei máis e máis a medida que xogaba. Retomando o tema literario, semella que teño afección por esas historias de familias coma a de Pascual Duarte, a d’A casa dos espíritos ou os Buendía de Cen anos de soidade.

Familia reunida

Entre tanto falar con deuses olímpicos tamén aproveitei para avanzar na trama de Medua e de Aquiles e Patroclo, desbloqueando os seus respectivos compañeiros que fan o xogo máis doado logo de tantas horas xogadas. Sen pretendelo moito subín as vitorias consecutivas ata 20 mentres avanzaba coas diferentes armas, pero iso viuse freado cando desbloqueei a primeira arma infernal: a lanza de Guan Yu. Non aproveitei moi ben os movementos particulares e perdín contra o propio Hades dúas veces seguidas antes de obter a vitoria á terceira. Non quedei moi contento con ese aspecto infernal, pero a lanza pronto subiu ate se converter na miña arma preferida, coa que apañei algunhas vitorias máis e batín o meu récord de velocidade inda que non era algo que procurase. Pola outra banda, eu simpatizaba con Hades co de non facer moitas reformas no inframundo, pero os logros leváronme a converter isto nun capítulo dos xemelgos eses que arreglan casas.

Cristais

Xa postos, tanto cando buscaba avanzar no epílogo coma despois de velo, fun completando as diferentes profecías que desencadeaban os logros de Steam. A meirande parte foron conseguidos de forma natural, pero cando só me faltaba o de avanzar nas relacións con Thanatos e Megaera estiven preto de abandonar, porque semellaba que nunca aparecían no ctónico e, cando o facían, preferían falar con outros en lugar de comigo. Foi cuestión de apurar algunhas partidas ata que se decidiron a abrir o seu corazón e outorgar o seus respectivos compañeiros. Foi aí cando decidín poñer o freo, case o mesmo tempo que chegaba a saber que haberá unha secuela nos vindeiros anos. Eu, coma sempre, agardarei a que estea ben estable antes de darlle un tento. Mentres tanto teño os ollos postos no Pyre, dos mesmos desenvolvedores, e na sempre crecente lista de libros que teño por ler. Se cadra é o momento axeitado para a Ilíada?