Vampire Survivors. Capítulo 1
Tiña bastante claro que me gustaría o Vampire Survivors dende que vin aquela primeira versión por itch.io. Non obstante, deixei pasar algo de tempo para que madurase, xa que non me gusta experimentar versións non definitivas. Mais foron pasando os meses e non me animaba a xogalo. Iso cambiou cando descubrín que existía unha versión para Android, un sistema ó que lle estou a dar moito uso lúdico ultimamente. Dubidei en darlle un tento ó Magic Survival antes, pero semella que a monetización é algo máis agresiva alí, xa que o Vampire Survivors sobrevive unicamente a base de anuncios opcionais e de fomentar a versión de pago de escritorio. Alá fun eu entón polos vampiros, decidido a xogar ata que desbloquease todo o que se agochase tras horas e horas de xogo. Abrín o programa, escollín o único personaxe inicial e comecei a aventura de esnaquizar cantos máis inimigos mellor.
E a miña primeira pasada foi unha decepción moi grande. Non me sentín ó cargo dunha personaxe poderosa como aquela feiticeira do Diablo 2 que asasinaba cabezas de gando groso sen melindres. Máis ben fuxía coma aquel nigromante de invocación agardando que o seu golem mate algún caído para comezar a festa dos esqueletos. Todo iso movendo un único dedo para que o protagonista poida moverse no sentido desexado. Ou esa é a idea, porque moitas veces non consigo sincronizar o movemento que eu quero co meu dedo para esquivar ós vampiros. O de que poidas pulsar en calquera punto da pantalla para crear unha panca de movemento parece unha boa idea, pero non me din afeito en absoluto. Deste xeito, a meirande parte das miñas partidas non pasaron dos quince minutos cando vin a miña barra de vida ó mínimo. Ás veces decidía ver un deses longos anuncios doutros xogos cuxa xogabilidade non se parece en nada á amosada.
Pode que levase unha ducia de curtos fracasos consecutivos cando pensei que xa era abondo e que valía a pena escribir esta entrada, asumindo que o xogo, polo menos na súa versión móbil, non era para min. Pero, entre unhas cousas e outras fun xogando algunha máis, desbloqueando personaxes novas e mellorando as estatísticas iniciais, con ese sistema típico dos roguelite deste século que só me encaixou un pouco no Hades. Cando por fin desbloqueei a segunda pantalla xa tiña algo máis controlado o asunto e, manexando o guerreiro que ten un proxectil adicional, conseguín a miña primeira vitoria aí. 100 e pico niveis de experiencia e 30 minutos de partida que acabaron de súpeto. Supoño que esa foi unha aventura máis semellante ó que podía imaxinar do xogo antes de comezar pero inda así quedei un pouco frío.
Non volvín tocar o xogo dende entón. Antes tiña medo de que non me gustase porque se me daba mal. Agora sei que se me da mal, polo menos con esta interface, e que non me gusta. Algo parecido ó que me pasa co xogo dos birlos cando non é con cartas, que non consigo desligar a miña incapacidade do meu gozo. Polo de agora supoño que tomarei a mesma solución de non xogar máis nese formato, inda que non desbotaría darlle algunha oportunidade con outra modalidade de control que me permita moverme mellor entre as hordas inimigas, xa que é basicamente o único que podemos facer na parte de acción.