<<

Slice & Dice. Capítulo 2

Non sería sorpresa para ninguén que xogase outra morea de horas a este xogo de dados no meu móbil. Fun desbloqueando pouco a pouco todos os modos de xogo e gozando con todas as posibilidades engadidas que outorgaban, dende non poder subir de nivel os heroes iniciais a cambio de máis obxectos, até un grupo o dobre de grande que loitaba contra o dobre de inimigos. Un universo enteiro de posibilidades estatísticas de mans deses dados se atopaba fronte a min, xa que ademais moitos deses novos modos de xogo tamén teñen diferentes niveis de dificultade para darlle máis graza o asunto. Pero aí foi cando empecei a fracasar continuamente e a non pasalo tan ben (seguramente ambas cousas están relacionadas).

Suicidio

Mais, antes de contar todas esas miserias, prefiro continuar con todas esas cousas que fai tan ben o xogo e que resultan realmente inspiradoras, en boa parte pola súa lóxica e sinxeleza. Unha das máis notables é contraria ó que fan moitos outros xogos do estilo, entre os que destaca o Slay the Spire: pódense desfacer todas as accións de combate dunha quenda sen límite, agás as roladas por unha cuestión obvia. Isto non é causalidade, xa que, sen dúbida con ese obxectivo en mente, todos os desenlaces dos dados dos xogadores son totalmente deterministas. Isto permite liberar moita carga mental de simular na mente todos as accións e disparadores e permite explorar todo o estado de decisións sen penalizacións. Moitas veces abuso de iso para analizar que impacto terían os dados actuais e ver cales debería tentar de cambiar a súa cara para eliminar os inimigos ou salvar os compañeiros.

15 danos gratis

Afondando no deseño de crear escenarios ó chou proceduralmente para que o xogador intente facelo o mellor posible, tamén hai que comentar o sistema de dificultades tan ben pensado. Basicamente existen unha morea de maldicións e bendicións cunha puntuación variable dependendo do nivel de cada unha, que en moitos casos tamén escala de maneira algorítmica. Para cada dificultade hai que atopar unha combinación na que a resta de puntos de maldición e os de bendición supere un determinado número. Deste xeito cada partida pode ser moi diferente da anterior xa de partida, o que aumenta moitísimo máis as combinacións totais unha vez que engadimos os personaxes, obxectos, inimigos e eventos ofertados.

Dragón cedo

Con todas esas posibilidades de diversión ó meu alcance, eu decidín, como xa dixen no meu primeiro parágrafo, pasalo mal. Cegueime con certos desafíos moi complicados nos que era moi común que perdese na primeira decena de combates. De feito, diría que, de todos os que intentei, só conseguín superar a dificultade fácil do modo de obxectos, e levoume bastante tempo. Outros foron fracaso tras fracaso, como o de conseguir unha vitoria na dificultade “brutal” ou dúas consecutivas na “inxusta”. Este último foi especialmente sangrante porque no meu primeiro paso conseguira a primeira vitoria no segundo intento e agora non lograba nunca comezar eses éxitos encadeados. Ó final decidín desquitarme un pouco no blursed onde cheguei a 176 vitorias cando no anterior capítulo fiquei moi preto dos 100. E agora non sei que farei. O máis probable é que xogue un pouco máis sen ter nada que contar, porque o xogo quedará aí instalado polo de agora!

Estatísticas